Na
mañá de hoxe a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o secretario
xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, daban conta de que a
Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia conta xa cun carné único
proposto pola Xunta de Galicia. Esta achega será posíbel grazas á
introdución dun sistema integrado de xestión
bibliotecaria de catálogo único, promovido pola Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e pola Consellería
de Cultura e Educación. Deste xeito, os usuarios e usuarias contarán
por vez primeira cun carné único, co que poderán acceder aos
servizos de todas as bibliotecas galegas inseridas neste programa e a
un catálogo colectivo con todos os seus fondos dispoñíbeis para a
súa consulta en liña.
Por
outra banda, o traballo técnico dos profesionais das bibliotecas
tamén se axilizará ao contar cun único sistema para a xestión de
todas as coleccións (físicas ou dixitais) que automatiza os
procesos de catalogación, reservas, inventariado ou empréstamos
interbibliotecarios.
O
carné único é xa unha realidade para os usuarios e usuarias das 25
bibliotecas públicas e axencias de lectura nas que está en
funcionamento o novo sistema: as bibliotecas públicas de xestión
autonómica de Lugo, de Ourense, da Coruña Miguel
González Garcés,
de Pontevedra Antonio
Odriozola,
de Vigo Juan
Compañel
e de Santiago de Compostela Ánxel
Casal;
e as bibliotecas públicas municipais de: Ferrol,
Vigo, Oleiros, Laxe, Sanxenxo e máis Ortigueira.
A
que se poderá acceder mediante ese carné único? Pois alén de
achegar os máis de 900.000 títulos e preto de
dous millóns de documentos destas 25 bibliotecas, o catálogo
colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, contará: cos
fondos da Biblioteca de Galicia, das bibliotecas de institucións de
especial interese para Galicia como a da Real Academia Galega, a do
Consello da Cultura Galega, a da Fundación Manuel María, a da
Fundación Vicente Risco e a do Centro Galego de Artes da Imaxe,
xunto coas bibliotecas dos museos e dos arquivos xestionados pola
Consellería de Cultura e Educación.
“Nesta
primeira fase estamos a falar, en conxunto, dun total de 43
bibliotecas integradas neste novo sistema –explicou Anxo Lorenzo–
e o obxectivo da vindeira fase do proxecto é integrar de maneira
progresiva ás máis de 300 restantes bibliotecas e axencias de
lectura que forman parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
e que na actualidade contan con diferentes programas de xestión
bibliotecaria”.
Nunha
terceira fase tamén está prevista a introdución nas bibliotecas
escolares deste novo programa baseado na tecnoloxía liberada e en
formato aberto a través do software Koha.
As
novas
actuacións no eido tecnolóxico levadas a cabo polo Goberno galego
para a mellora dos servizos bibliotecarios tamén inclúen a
renovación dos portais web da Rede
de Bibliotecas Públicas de Galicia, da Biblioteca
de Galicia e das bibliotecas centrais territoriais de xestión
autonómica de: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Lugo,
Ourense e Pontevedra. A
directora da AMTEGA lembrou que “estes novos portais nacen xa co
apelido .gal”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario