venres, 11 de marzo de 2016

A expo “Saúde e Terra, irmá(n)s!” sobre as Irmandades percorrerá todo o país

DE DEPUTACIÓN, RAG E MUSEO DO POBO
A exposición “Saúde e Terra, irmá(n)s!” percorrerá a partir do 18 de maio as sete cidades galegas para conmemorar o centenario da creación das Irmandades da Fala. O proxecto nace do acordo da Deputación da Coruña, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero e o presidente do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, asinaron esta quinta feira, día 10 de marzo, un convenio de colaboración para a organización conxunta da exposición titulada “Saúde e Terra, irmá(n)s!” que conmemora o centenario da creación das Irmandades da Fala na Coruña.

“A Deputación comprométese en dotar o proxecto dunha cantidade de 91.994 euros para a realización desta exposición conxuntamente co Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega co fin de dar a coñecer as Irmandades da Fala e a súa defensa de Galiza como centro de decisión propia”, sinalou a vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei.

A Fundación Barrié acollerá na súa sede coruñesa a inauguración da mostra, que permanecerá na cidade en que naceron as Irmandades da Fala ata finais de xuño, detallou Xusto Beramendi. Despois poderá verse ata finais de xullo en Santiago de Compostela, na sede do Museo do Pobo Galego, e no mes de agosto, na sede da Barrié en Vigo. As seguintes itinerancias levarán a exposición ao Museo de Pontevedra en setembro e a Ferrol en outubro. Xa en novembro, chegará a Lugo cadrando "cun feito fundamental das Irmandades, que foi a I Asemblea Nacionalista" celebrada nesa cidade no ano 1918, lembrou o historiador.
O percorrido polas sete cidades rematará a finais de ano en Ourense. Xa en 2017 e ata o mes de maio, está previsto que se poda ver en versión adaptada en distintas vilas da provincia da Coruña. “Queremos que a exposición teña un aire innovador, pedagóxico, con dez cubículos que lle dan un formato participativo e con elementos como documentos orixinais, obras artísticas do tempo, unha mesa con xornais, locucións con textos arredor do movemento...”, explicou Goretti Sanmartín ao tempo que anunciou a colaboración da Deputación noutras actividades promovidas por entidades e asociacións e encamiñadas á conmemoración do centenario da creación das Irmandades.

Reivindicou tamén a “actualidade” do seu legado xa que “foron quen de conseguir que se deran pasos para a introdución da nosa lingua na oratoria política, no ámbito científico... e da planificación arredor da lingua galega. Somos debedoras do seu legado e queremos seguir actualizándoo”, explicou mentres se congratulou da colaboración entre as entidades para ampliar a dimensión do centenario. Botou man, na súa intervención, da tarxeta que Ramón Vilar Ponte publica con motivo do nacemento do seu fillo en que presenta unha foto de Xaime Vilar Chao a afirmar que “sen ser das clases labregas nin artesás” vai ser criado na nosa lingua “dun xeito consciente e ateigado de intención”, para reivindicar o carácter pioneiro das Irmandades da Fala no que se refire á planificación lingüística.

“Esforzo colectivo”

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, lembrou que as Irmandades naceron “nun momento en que levar adiante as actividades lingüística que propoñen implicaba un xesto heroico como dar unha conferencia en galego. Mesmo no ambiente máis proclive non se acababa de entender que nun espazo como unha tribuna académica se puidesen emitir contidos científicos ou artísticos desde unha lingua que se asignaba ás clases populares”. Lembrou que as Irmandades naceran precisamente na sede da RAG, institución que fora inaugurada dez anos antes cun discurso de apertura do presidente Manuel Murguía en castelán. “Cando dez anos despois nacen as Irmandades saben que o idioma ten que ser oral e non só escrito. Quizais hai que volver en non poucos aspectos ao espírito das Irmandades da Fala xa que do que se trata é de cultivar a fala. Propuñan que a fala había que falala e hoxe tamén hai que falar a fala”, anotou Alonso Montero.

Pola súa parte, o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, lembrou que a exposición non é só “froito da colaboración destas tres entidades senón que conta coa colaboración da maior parte de asociacións e fundacións que teñen a ver coas Irmandades da Fala”. “É  un esforzo colectivo que encabezamos estas tres entidades mais contamos co apoio de moitas outras que, entre outras cousas, achegan os seus fondos con documentos e pezas de grande importancia”, explicou, citando, por caso, a correspondencia entre Vicente Risco e Losada Diéguez depositada nos arquivos da Fundación Losada Diéguez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario