Hai cen anos Villar Ponte sentaba as bases das Irmandades e do nacionalismo galego coa súa 'afirmación regional'A Real Academia Galega (RAG) vén de activar na súa web unha nova sección, As Irmandades da Fala nos Fondos da Academia, xusto ao cumprirse o centenario da publicación desta obra do fundador das Irmandades, "movemento chave na defensa da lingua galega e de Galicia como suxeito político". Ao longo deste ano dedicado a este movemento, o espazo amosará en versión dixital distintas publicacións e documentos relacionados con elas.
A RAG abre con esta publicación un espazo web onde colgará fondos das Irmandades en poder da instituciónEsta primeira publicación recolle ideas, argumentos e mesmo parágrafos literais dos artigos que Villar Ponte fora publicando en La Voz de Galicia a favor da lingua galega e da reorganización do galeguismo, acción esta que arrincaría menos de dous meses máis tarde coa fundación da primeira das Irmandades da Fala na Coruña.
Nese Nacionalismo gallego. Nuestra 'afirmación' regional, Villar Ponte censura a "ridícula clase media de cincuenta años a la fecha", que comezara a mirar "con notorio desdén" a lingua materna e pregunta retoricamente se é posible "dejar de cultivar, limpiar y fijar el idioma gallego no siendo suicidas, no teniendo castrada la inteligencia ni cegado el instinto de conservación". "No hay duda de que la generalización del gallego, sobre todo en la clase media, nos llevaría a la renuncia de ese inútil esfuerzo que hacemos al castellanizar ridículamente los conceptos, las palabras y el acento", apunta máis adiante e sempre en castelán por razóns "de propaganda".
"No hay duda de que la generalización del gallego, sobre todo en la clase media, nos llevaría a la renuncia de ese inútil esfuerzo que hacemos al castellanizar ridículamente los conceptos, las palabras y el acento"Nunhas proclamas que moito se poden parecer ás que os activistas e colectivos defensores da lingua farían hoxe en día, Villar Ponte apela á responsabilidade dos medios de comunicación e reproduce un anaco dun artigo no que Amador Montenegro pide a cada xornal que publique "una vez siquiera por semana, algo en gallego, serio, correcto, y no en verso solamente, sino que también en prosa".
Por outra banda, o Consello da Cultura Galega (CCG) aproveitou tamén o centenario da publicación de Nacionalismo gallego. Nuestra 'afirmación' regional para presentar o Álbum das Irmandades da Fala, que se abrirá coas bibliografías dos irmáns Ramón e Antón Villar Ponte
A iniciativa pretende "difundir dun xeito divulgativo as biografías e materiais de máis de dúas ducias de persoas que formaron parte do movemento". O proxecto está coordinado por Miguel Anxo Seixas Seoane, quen asina un texto que explica o contexto de nacemento das Irmandades da Fala. O Álbum actualizarase, segundo o CCG, de xeito mensual e conforma algunha das actividades que a institución ten programada para este ano.
O Consello da Cultura Galega aproveita o centenario do texto de Villar Ponte para lanzar o Álbum das Irmandades da Fala“O 21 de marzo de 1916 Antón Villar Ponte data a primeira edición do folleto que supón a primeira vez que se fai explícito un manifesto que insta á recuperación da lingua” explica Miguel Anxo Seixas Seoane. É esta data a que dá pé á saída deste proxecto que inclúe referencias biobibliográficas das principais figuras vencelladas a este movemento.
O CCG lembra que, tal e como acordou no verán pasado, desenvolverá a cabo un "amplo programa de actividades" que se inicia en 2016 e que se estenderá ata 2018 en paralelismo coa "notable expansión que as Irmandades da Fala amosaron entre 1916 e 1918". Pretende así facer "unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento e situalo no contexto español, europeo e na súa relación co mundo da emigración".
Nel incluiranse tres seminarios sobre a influencia das Irmandades e os contextos internacionais, nacional e estatal nos que se desenvolveu ou o eco que o movmento tivo na emigración Tamén se levarán a cabo dúas exposicións, sobre as sociedades corais que impulsaron e promoveron para a normalización da lingua e a cultura de Galicia ou sobre o célebre discurso de Castelao, Alba de Gloria.
Os fundadores das Irmandades
Ás poucas semanas da publicación do folleto de cuxa publicación se cumpre hoxe un século, o 18 de maio de 1916, foi cando Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da RAG na Coruña. Unhas vinte persoas -entre elas Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte- acordaron a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala para a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia.As Irmandades espalláronse por ata 28 localidades e nelas integráronse ap pouco tempo persoeiros como Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, entre outros. O seu primeiro acto público foi unha homenaxe aos mártires de Carral e pouco despois fundouse A Nosa Terra. Dous anos despois, en novembro de 1918, celebrouse a I Asemblea Nazonalista, da que xorde o Manifesto que superaba xa o rexionalismo.
A evolución política deriva en diferentes expresións galeguistas e nacionalistas, ata que a fundación do Partido Galeguista supón a disolución das Irmandades, en cuxo seo naceran tamén o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario