mércores, 23 de marzo de 2016

O alumnado das Aulas Tecnópole imponse en Exporecerca

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) e o seu alumnado (Aulas Tecnópole) veñen de obter importantes recoñecementos no certame científico estatal Exporecerca Jove, un dos máis referenciais concursos do panorama actual dos novos científicos e desenvolvedores de tecnoloxía. Segundo informan os responsábeis das Aulas, os seus proxectos da rapazada galega foron merecedores do primeiro (cun kit para facer prácticas de xenética) e do terceiro premio (cun sistema de análise de calidade de aceite usado), ademais dun accésit (cunha app móbil para a compravenda de produtos agrícolas).
Estas distincións serviranlles de pase para participar na principal feira científica de Europa e, tamén, nun dos eventos de referencia neste eido en Latinoamérica. A eles sumáronse, co segundo premio, os gañadores da Galiciencia 2015, estudantes de Biscaia, que viaxarán tamén a Brasil para presentar o seu proxecto. Todos eles competían con 110 proxectos de nove nacionalidades.

O primeiro premio


Clara Mingyue López e Iria Ollero gañaron o primeiro premio da categoría de segundo ciclo da ESO na Exporecerca, celebrada ao longo dos tres últimos días en Barcelona, co seu kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética. As alumnas desenvolveron o seu propio prototipo utilizando a impresión en 3D e, segundo informa a Tecnópole, “cun custo moi inferior aos dispositivos destas características que existen no mercado”. Grazas a este galardón, Clara e Iria amosarán en Expo-Sciencies Europe (no mes de xullo en Toulouse, Francia), a segunda fase do seu proxecto, que consiste en realizar probas nos centros educativos para avaliar se se cumpre o obxectivo de mellorar a aprendizaxe dos estudantes de Secundaria sobre xenética grazas ao uso deste kit.

O terceiro premio


Pola súa banda, o sistema de análise da calidade do aceite usado en fritidoras que desenvolveron Martín Ansia e Miguel Rodríguez acadou o terceiro premio da categoría de primeiro ciclo da ESO na Exporecerca, dotado coa participación na feira científica que terá lugar en novembro na localidade brasileira de Natal. Martín e Miguel, co seu enxeño, foron quen de argallar unha tecnoloxía que determine cando o aceite debe ser substituído para evitar as alteracións químicas provocadas por unha reutilización excesiva que resultan tóxicas para o consumo.

O accésit


Ademais, Juan Carlos Navares levou un accésit que lle permitirá defender na Feira da Ciencia de Jerez de la Frontera (Cádiz) a súa aplicación móbil de compravenda de produtos agrícolas sen intermediarios, deseñada “co obxectivo de reducir os prezos para os compradores e aumentar as ganancias dos vendedores”. Segundo engade a Tecnópole, esta ferramenta presenta “como principal novidade a súa especialización no mercado agrícola, aínda sen cubrir por outras aplicacións xa existentes”.
Pola súa banda, o sistema de mellora da comunicación entre alumnos e profesores desenvolvido por alumnos vascos (gañador absoluto da Galiciencia 2015), logrou o segundo premio da Exporecerca na categoría de segundo ciclo da ESO. O proxecto de Ander Aguiriano, Jon Andoni Bretón, Sue González e Asier Rementería, da Lauro Ikastola (Loiu, Biscaia), acudiu ao certame catalán grazas ao galardón obtido en Ourense e a finais deste ano acudirá á feira científica de Fortaleza, en Brasil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario