Marcos Maceira: “O TSXG pretende
ilegalizar todos os acordos sobre o galego”. “Agredir mediante sentenza o
noso maior sinal de identidade é agredir o conxunto de Galiza”
A Mesa pola Normalización
Lingüística manifestou a súa repulsa á sentenza ideolóxica do TSXG feita
publica hoxe contra a ordenanza de normalización lingüística de Lugo
que, lembraron, foi aprobada por unanimidade polo pleno da corporación.
O TSXG pretende ilegalizar unha posición social maioritaria no
conxunto do pobo galego, a de que a lingua propia de Galiza é o galego,
que é o noso principal elemento de identidade colectiva, e que se atopa
nunha absoluta situación de desprotección, aínda cunha lexislación que
non mellor dos casos non se aplica e se vulnera constatemente.
“Con esta sentenza o TSXG refegarenega de ser de Xustiza e de ser de
Galiza”. Que xustiza hai nunha sentenza que pretende manter a exclusión
histórica do galego, perpetuar a súa invisibilización e mantela e
inaudíbel na administración local? Pode ser de Galiza un tribunal que
despreza así o maior sinal de identidade de Galiza? Preguntouse o
Presidente da Mesa.
“A maioría das galegas e galegos, falantes ou non de galego, queren a
súa lingua e queren que a administración actúe para repola e
rehabilitala, como pretendía facer minimamente o Concello de Lugo a
través da ordenanza”, e lembrou que “foi aprobada por unanimidade en
correspondencia coa posición manifestada por todas as forzas políticas
ao aprobaren o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, ratificado
en xullo na Declaración de Unidade promovida pola Mesa”.
A Mesa lamentou que os tribunais que debían impartir xustiza, actúen
como a inquisición contra acordos amplos tomados en común por
representantes públicos e organizacións sociais
O TSXG vén sentenzar que hai liberdade para a administración
municipal utilizar o galego sempre que se manteña como lingua secundaria
e que non se pretenda un mínimo estatus de igualdade. “Esa é a visión
que teñen de Galiza e do galego”, indicou Maceira.
A Mesa anunciará accións contra esta sentenza nos próximos días e
animou á sociedade galega a mobilizarse e manifestar o seu rexeitamento a
unha aldraxe contra a dignidade do conxunto do pobo galego.
Da entidade en defensa da lingua animaron á corporación de Lugo a
manter a firmeza na causa do galego, que é de Galiza enteira, e
manifestaron os seus parabéns ao concello pola decisión de defender a
postura acordada unanimemente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario