A finais do ano pasado creouse AISGAL, a Asociación Italiana de Estudos Galegos, cuxo obxectivo é difundir o estudo da nosa cultura. Está presidida polo profesor da Università degli Studi di Roma La Sapienza, Attilio Castellucci.
Tal e como afirma o propio Castellucci, “estamos convencidos de que a AISGAL vai cubrir un oco que non podía permanecer baleiro máis tempo. O noso país presume, probablemente, da tradición máis antiga de Estudos Galegos no mundo; incluso sen querer considerar que os principais códices que nos transmitiron a lírica medieval foron mandados copiar por un humanista italiano, Angelo Colocci, os estudos sobre a literatura galega, ou galego-portuguesa, comezan en Italia”.Castellucci: "O noso país presume, probablemente, da tradición máis antiga de Estudos Galegos no mundo"Coa creación de AISGAL “queremos promover e favorecer no noso país, pero non só, a difusión da lingua e da literatura galega, a través da formación, a investigación científica e a instrución”. Asemade, queren ser “punto de referencia obrigado para os estudos e as iniciativas relacionadas co galego en Italia e ser o referente privilexiado italiano nas relacións coa Xunta de Galicia”.
En Italia hai dous centros galegos: o de Roma desde 1999 e o de Padua desde 2001. Desde AISGAL manifestan a súa intención de traspasar o mundo académico e dar a coñecer a cultura galega no seu país. “A referencia é a moita literatura que, escrita en galego e traducida do galego, moitas veces se difunde como española. Polo tanto, por unha banda, queremos involucrarnos nun esforzo de difusión entre os lectores, para aproximalos a unha nova literatura e a un novo escenario cultural; e pola outra banda, queremos, agora máis que nunca, ser un impulso para os editores, dándolles a coñecer esta nova cultura primeiro a eles coa esperanza de levalos a publicar e difundir un número cada vez maior de obras galegas no noso país”, explica Castellucci.
Ningún comentario:
Publicar un comentario