A Secretaría
Xeral de Política Lingüística vén de informar da resolución da
edición 2016 do concurso de mensaxes de amor en galego, Lingua de
Namorar. Trátase, como lembraremos, dun certame dirixido a
mozas e mozos de idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos,
impulsado por Política Lingüística xunto coa Dirección Xeral de
Xuventude e Voluntariado, e cuxo obxectivo é o de “animar ao
emprego da lingua galega entre a xente nova para as súas relacións
interpersoais e atendendo ás principais ferramentas actuais da
comunicación xuvenil”. Ou sexa, a mensaxería instantánea que vén
da “man” das novas tecnoloxías. Como lembraremos, a idea
fundamental é fomenta entre a mocidade o uso do idioma galego como
lingua útil, axeitada e normal para todos os momentos da vida.
Mensaxes premiadas na categoría A
Trala deliberación do xurado, resultaron gañadoras
da categoría A, de entre as 59 mensaxes que recibiron dúas ou máis
votacións dos usuarios e usuarias, as seguintes mensaxes:
1º premio: Nese intre, Sabela
Domínguez Souto (Verín, Ourense)
Cando estaba a piques
de botarme a perder, gañeite.
2º premio: A perda de tempo, Sara
Caride Blanco (Cambados, Pontevedra)
Preciso que asentes o meu futuro no teu peito. E
estánsenos adiantando as caricias que non nos demos. Estánsenos
contruíndo os amenceres de insomnio. Estánsenos mudando as
incertezas. Estásenos perdendo o tempo que non pasamos xuntos.
3º premio: Por fin!, Xeila Rey
Cambados (Vilanova de Arousa, Pontevedra)
Se ten que chegar ese día chegará, eu mentres
sigo agardando, agardando por ese momento, ese instante, ese abrazo,
ese sorriso, e ese "por fin" saíndo da miña boca.
Mensaxes premiadas na categoría B
Trala deliberación do xurado, resultaron gañadoras
da categoría B, de entre as 51 mensaxes que recibiron catro ou máis
votacións dos usuarios e usuarias, as seguintes achegas:
1º premio: De laranxas e grelos, Alba
Dono Costoya (Ordes, A Coruña)
O mundo cheo de laranxas e eu por aquí a buscar
o meu medio grelo, que beba da terra, o alente un orballo e me queira
en galego.
2º premio: Percepción, Clara Presedo
Rama (A Coruña)
Reparei no seu cabelo, ríndose da gravidade.
Examinei a súa mirada, maina e reconfortante. Fiquei observando os
seus beizos, cortados polo frío, vermellos coma o sangue. Seguín
polas súas mans encarnadas, onde as veas protagonizaban historias e,
para o meu pesar, parpadexei. Cando as miñas pestanas se abriron,
aquel asento do tren olloume baleiro.
3º premio: Sen batería, Juan Manuel
Sánchez Pardo (A Coruña)
Pum-pum, pum-pum noto que o meu peito se
estremece
Cando agardo para verte de novo, calquera
problema se esquece
Pum-pum, pum-pum
O meu corazón
treme, e treme cal batería
Que por certo teño ao 3% a do móbil, e dedícoa
nestas liñas, hoxe é o día, nun intre collo e chamo
penso confesarche que hai tempo que te am___
BATERÍA ESGOTADA
Premios
Polo que respecta aos
galardóns buscouse que fosen “acordes co espírito e coa temática
do certame”. Ou sexa, tecnoloxías ao servizo da literatura e da
creación artística. Son tres premios por cada unha das categorías.
Na modalidade A (de 14 a 19 anos) o primeiro galardón é un
smartphone ZTE de 16 GB, o segundo un dron Airis con
cámara de vídeo VGA e o terceiro unha torre de son Bluetooth. Na
categoría B (de 20 a 35 anos) o primeiro premio consiste nunha
cámara réflex Canon EOS 1200D de 10 Mpíxeles, o segundo un smartwatch SPC Gold e o terceiro un disco duro externo Toshiba de
1TB de capacidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario