martes, 29 de marzo de 2016

A Xunta repartiu 4 millóns entre os medios tradicionais nos primeiros tres meses de 2016

Este diñeiro súmase aos 6 millóns que xa deu nos últimos meses do pasado ano. Hai subvencións para falar ben do dispositivo contra o lume, do sector do agro, do turismo, do I+D, de Santiago de Compostela, do fomento da lectura, do emprego ou por empregar, tan só, un 8% de galego. La Voz é o grupo que máis recibe, case a metade de todas as subvencións.

Nova inxección económica de máis de 800.000 euros da Xunta aos medios tradicionais.

La Voz de Galicia volve ser, novamente, o medio máis subvencionado con 485.000 euros en catro convenios diferentes, entre eles, informar da "capitalidade de Santiago de Compostela". A Secretaría Xeral de Medios reparte cartos por fomento do uso de novas tecnoloxías, da lectura e do I+D+I. 
A Xunta de Galicia, gobernada polo PPdeG, está a utilizar o diñeiro de todos os galegos para manter os medios tradicionais de comunicación de Galicia. O DOG do pasado mércores recollía, novamente, unha nova subvención aos medios tradicionais por máis de 800.000 euros euros só para o primeiro cuadrimestre deste ano. Especialmente chamativo é que, máis da metade dese diñeiro vai parar os bulsos de Santiago Rey, editor e dono do Grupo Voz.
Entre os convenios subvencionados están o fomento do uso das novas tecnoloxías de información e comunicación e o fomento da lectura da prensa escrita entre o alumnado dos centros docentes de Galicia no ano 2016, a divulgación de información sobre a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia no ano 2016 e a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela en El Correo Gallego e La Voz de Galicia. En total, 840.000 euros.
Baixo o pomposo nome de “convenio de colaboración para o fomento do uso das novas tecnoloxías de información e comunicación polo alumnado dos centros docentes públicos non universitarios de Galicia no ano 2016”, a Xunta decidiu repartir máis case 170.000 euros entre as versións dixitais dos grandes medios. Esta é a relación:

La Voz de Galicia, 94.519,92
Grupo Prensa Ibérica ( La Opinión, 13.502,85 e Faro de Vigo, 31.125,20)
El Progreso, 7.781,30
La Región, 5.263,82 e Atlántico Diario, 3.890,65
El Correo Gallego, 6.636,99
Editorial La Capital ( El Ideal Gallego, 2.746,34; Diario de Arousa, 2.500,00; Diario de Ferrol, 2.500)
Curiosamente, e a pesar de que estas axudas van destinadas a edicións electrónicas, ningún dos medios nativos en internet,  entre eles GC, foi suxeito destas subvencións.

A Xunta tamén destinou case 311.000 euros a outro convenio para o “fomento da lectura da prensa escrita polo alumnado dos centros docentes públicos non universitarios de Galicia no 2016”. Tampouco ningún medio en galego recibiu esta axuda a pesar de ir destinadas  a centros docentes onde está vixente o decreto plurilingüe de Feijóo no que o galego debe ter unha presenza do 33%  A relación de axudas é a seguinte:
La Voz de Galicia, 149.000,00
El Correo Gallego, 13.592,08
El Progreso de Lugo, 23.850,26
La Región, 20.516,35 e Atlántico Diario, 4.000,00
Grupo Prensa Ibérica ( Faro de Vigo, 65.395,87 e La Opinión de A Coruña, 8.719,45)
Grupo La Capital ( El Ideal Gallego, 5.642,00; Diario de Pontevedra, 12.053,36; Diario de Ferrol, 4.000 e Diario de Arousa, 4.000)
Ademais destas axudas, El Correo Gallego e La Voz de Galicia recibiron novas subvencións o pasado ano para a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela. En total, 240.000; 115.000 para El Correo Gallego e 125.000 para La Voz de Galicia.
O Grupo Voz, o máis favorecido
Finalmente, a Secretaría Xeral de Medios decidiu, a maiores, asinar outro convenio de colaboración para a divulgación de información sobre a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia no ano 2016 pero só co Grupo Voz. Un convenio polo que o xornal coruñés recibiu 115.000 euros.
E é que este grupo, como en ocasións anteriores é o máis beneficiado de todos. Nesta ocasión, dos 8400.000 euros, o xornal de Santiago Rey recibe 485.000, máis do total das axudas.
A este respecto, CIG-Autonómica critica que non se destinen eses cartos directamente aos centros docentes públicos para que compren libros e as novas tecnoloxías que precisan. "Non sería esa un mellor xeito de fomentar a lectura e o uso de novas tecnoloxías sen condicionalo a uns medios en concreto? Isto é unha vergoña absoluta e como tal había que publicala no DOG un mércores de semana santa", apunta nun comunicado.


Ningún comentario:

Publicar un comentario