A Xunta puxo á disposición da cidadanía este tradutor automático en liña o pasado mes de setembro.
O servizo de tradución en liña Gaio rexistrou en cinco meses 1,3 millón de consultas, que supuxeron a tradución de máis de 78 millóns de palabras. O pasado mes de setembro, a Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poñían a disposición da cidadanía esta ferramenta que, ata entón, era de uso de interno da Administración.Desde entón, Gaio recibiu preto de 380.000 visitas que puideron acceder á tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán.
O servizo inclúe unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os Concellos, Consellerías etc.
Cómpre destacar que esta versión pública de Gaio, aberta a toda a cidadanía, se beneficia das melloras realizadas, tanto a nivel lingüístico como técnico, durante os case dous anos que a ferramenta leva empregándose a nivel interno na Xunta de Galicia.
Portal da Lingua
Gaio está accesible desde o Portal da Lingua Galega, que tamén se reestruturou en setembro pasado para harmonizalo co deseño corporativo da Xunta e coas súas directrices de transparencia, seguridade e accesibilidade; completar o traspaso ao dominio.gal e presentar a información e os servizos dunha maneira máis intuitiva e transparente para a cidadanía.
O portal conta, de feito, cun eficaz buscador que permite localizar os contidos de interese sen necesidade de coñecer a estrutura do sitio web ou a organización interna da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como con filtros que facilitan a selección dos recursos axeitados ás necesidades de cadaquén entre a ampla oferta con que conta este espazo web.
Presenza da Administración na rede
A presenza da Administración pública na rede é unha ferramenta fundamental para a prestación de servizos públicos dixitais e, neste caso concreto, para difundir a riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia. Este obxectivo refórzase co emprego do dominio .gal, que están a incorporar todas as novas webs institucionais, dentro do compromiso que asumiu o Goberno galego o pasado mes de maio e que se completará a finais de 2016 coa migración de todos os portais e o correo corporativo ao .gal
Ningún comentario:
Publicar un comentario