O Concello de Lugo aproba unha declaración para defender a súa ordenanza de uso do galego, tras a sentenza do TSXG impulsada por Galicia Bilingüe. Tamén Queremos Galego convoca unha concentración contra esta sentenza.
Institucións e entidades sociais non están dispostas a que o galego siga retrocedendo o pouco que ten gañado nos espazos públicos. Por iso, e tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que anulou parcialmente a ordenanza municipal do uso do galego, o Concello de Lugo e Queremos Galego saíron na súa defensa.Así, a xunta de portavoces do Concello de Lugo, nunha reunión extraordinaria, aprobou unha declaración institucional coa que se pretende defender a ordenanza de uso do galego que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos. Tamén a alcaldesa, Lara Méndez, anunciou a intención do concello de recorrer esa sentenza eafirmou que o galego está a vivir unha "discriminación" en relación co outro idioma oficial.
Coa declaración institucional, que será presentada no próximo pleno, o concello pretende "defender" a ordenanza de uso do galego que foi aprobada por todos os grupos da corporación municipal, aínda que tamén aclarou que, despois, serán os tribunais os que terán que "falar" e respectarase o seu ditame.
Por outra banda, a Plataforma cidadá Queremos Galego anunciou que realizará mobilizacións tras coñecerse o contido da sentenza ditada polo TSXG, tras un recurso de Galicia Bilingüe contra a ordenanza de uso do galego polo concello de Lugo. Denuncia que restrinxe o seu uso á subordinación ao castelán e impide unha acción pública real e práctica a favor do galego por parte da administración municipal..
Segundo sinalou o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “estase buscando romper por vía xudicial todos os acordos a favor da lingua galega conseguidos grazas á presión da sociedade”. Por iso, chamou a participar “a todas as persoas que falan galego ou non mais que queren espazos públicos para a lingua, igualdade real e práctica a todos os niveis, e a reposición e rehabilitación para que todas e todos a poidamos usar con normalidade sen limites, sen subordinacións e sen exclusións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario