martes, 15 de marzo de 2016

Reclaman o consenso para a lingua nun acto das Irmandades

PRESENTADAS AS ACTIVIDADES DO CENTENARIO 
Nun acto conxunto de varias institucións para presentar as actividades do Ano das Irmandades, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, reclamou que “este consenso para celebrar o centenario das Irmandades da Fala se traducise no consenso para defender a normalización da nosa lingua”. 

Neste acto, no que estaban os máximos representantes da Consellaría de Cultura, a Real Academia Galega, Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega e Deputación de Pontevedra, ademais da propia Sanmartín,  presentouse a programación completa dun Centenario onde brilla a implicación dalgunhas institucións e a escasa doutras, sobre todo en comparación coas actividades presentadas para o Centenario de Camilo José Cela e o 150 aniversario de Valle-Inclán.
Estas serán as actividades e as datas clave deste centenario:
- 18 demaio: Acto conmemorativo da creación das Irmandades na Coruña (RAG e Concello da Coruña)
- 18 de maio: Inauguración da exposición 'Saúde e terra, irmá(n)s!' na Coruña (Deputación da Coruña, Museo do Pobo, RAG e outros). Logo itinerará por todo o país.
- Xuño-decembro: Ciclo de mesas de debate (RAG)
- Outubro: mostra panorámica da memoria documental e bibliográfica do galeguismo ourensán (Arquivo Histórico Provincial de Ourense)
- Outubro: Seminario “As nacionalidades na Europa de entreguerras (o contexto internacional das Irmandades”) (CCG)
- 17-19 novembro: Simposio “Repensando Galicia: As Irmandades da Fala 1916-1931” (Museo do Pobo)
- 2017: Expo “As sociedades corais nos tempos das Irmandades” (CCG)
- 2017: Seminario “Cultura e política na España do primeiro terzo do século XX” (CCG)
- 2018: Expo “Alba de Gloria: sobre a “simbólica nacional galega” (CCG)
- 2018: Seminario “Galicia-América, unha viaxe de ida e volta” (CCG)
- Web: O CCG poñerá en marcha a web das Irmandades e o Álbum das Irmandades, con biografías dos seus principais protagonistas.
- Web: A Biblioteca de Galicia (Xunta) creará un novo micrositio en Galiciana sobre as Irmandades
- Web: a RAG dixitalizará e poñerá a disposición pública fondos relacionados con este tema na súa web
Asemade, o deputado da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, presentou a iniciativa pola que os pasos de peóns de vilas e cidades lucirán frases conmemorativas das Irmandades da Fala, con deseño das firmas Rei Zentolo e Caramuxo. Leal puxo a dispor dos concellos e das tres deputacións os moldes  que permitirán que estradas e rúas celebren tamén o centenario das Irmandades.
Consenso  para o galego
Era difícil que non saíra a relucir o conflito lingüístico se o tema eran as Irmandades da Fala. Mentres o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou o papel fundamental das Irmandades “no cultivo do galego, no seu afán de dignificar a lingua, logrando que fose un idioma plenamente actual e útil naquela sociedade do primeiro terzo do século XX”; a vicepresidenta da Deputación da Coruña reclamou a volta ao consenso na normalización da lingua. “A partir das Irmandades xa non vai ser posíbel defender o galego en castelán. Con este movemento naceu a vontade de nos dotar de instrumentos políticos propios, de contribuír desde o cultural, artístico, teatral ou cultural até os ámbitos máis populares á normalización da nosa lingua”, defendeu Goretti Sanmartín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario