luns, 14 de marzo de 2016

Recortes no IES de Castro

Son nai dun alumno de 3º de ESO do IES da Terra Chá de Castro Ribeiras de Lea. Ademais dunha irmá pequena, ten outros dous maiores que cursaron Secundaria e Bacharelato nese mesmo instituto entre os anos 2007 e o actual 2015.
Hai uns días, mentres remataban de cear, escoitei a súa conversa que me deu pé a reflexionar sumida nun incómodo estado de preocupación e enfado.
Os maiores relataban anécdotas do seu paso polo instituto e o pequeno interrogábaos abraiado, pasmado e sorprendido:
       -Nos recreos xogabamos unha liga de fútbol no pavillón, un dos profes de Educación Física estaba con nós e coordinaba a actividade.
        -Coooooomo? Tiñades un profesor no pavillón durante o recreo? Pois agora podemos xogar alí, pero temos que pedir a chave en conserxería e non hai ningún profe con nós.
        -Outras veces iamos á Aula de Informática no lecer, tamén a abría un profesor e podiamos facer traballos ou mesmo argallar no tuenti que tanto se levaba daquela...
        -E deixábanvos ir a Informática? Cun profesor? Vaia, pois agora esa aula está pechada a non ser cando se dá clase nela.
        -E á Biblioteca! Alí ata podiamos ir os mércores pola tarde, abríaa unha profesora e xuntabámonos para facer traballos en grupo.
        -Pola tarde? Buf, agora ás tardes só debe estar o persoal de limpeza por alí. Vese todo moi pechado.
         -Antes tamén, para rapaces e rapazas que lles custaba moito sacar a ESO, había un programa que se chamaba Garantía Social, PCPI ou algo así...
          -Ai, si! Agora chámase FP Básica, faláronnos dela porque varios compañeiros da clase do ano pasado ían facer iso, pero como non había profesores para dalo tiveron que quedar repetindo 2º de ESO.
           -Si? Pois algo semellante debeu pasar en Bacharelato, contáronme que non se dá algunha materia de Selectividade e hai quen paga clases particulares para preparala por libre e poder acceder despois á carreira que quere facer... Incrible!
           -Carai! Iso non o sabía, pero paréceme alucinante.
            -Pois eu non entendo como non hai profesores porque cando nós estabamos na ESO había, por exemplo de Lingua Castelá, tres profesoras e un profesor.
             -Ai, non! Que va! Agora só son dous.
             -E de Xeografía e Historia tamén catro. E non hai tanto tempo!
             -Catro? Pois agora só hai un profesor e unha profesora.
             -Catro tamén de Matemáticas...
             -Non fastidies! Agora son tres...
             -E de Educación Física había dous!
             -Dous de Educación Física? Home non! Eu xa só recordo unha.
E así, pouco a pouco, foron contando ata ONCE profesores/as menos neste curso que hai tan só seis anos...
E eu, no meu silencio mentres recollía a louza para que eles a fregasen a continuación, sentía unha carraxe fonda como nunca antes a sentira...
Por máis voltas que lle dou, non son quen de comprender que a Administración recorte na formación dos rapaces e rapazas causando así danos irreparables na base da sociedade. Cómpre que toda a Comunidade Educativa se una e apoie as reivindicacións que estes días fai o profesorado dese instituto. Non debemos permitir que ás nosas fillas e fillos se lles negue o dereito a recibir un ensino de calidade que os leve a conseguir a formación que, sen dúbida, van necesitar para enfrontarse ao mundo no que lles toca vivir.

Sabela Núñez Singala - Escritora


Ningún comentario:

Publicar un comentario