xoves, 31 de marzo de 2016

Ciclo de encontros na Coruña arredor das Irmandades

SETE CONVERSAS ATÉ MAIO 
Desde mañá 31 de marzo até maio a AS-PG e a A.C. Cultural Alexandre Bóveda organizan varias conversas sobre os protagonistas das Irmandades da Fala. Sete conversas con testemuñas e especialistas para saber máis sobre este movemento.

As Conversas en Irmandade botan a andar o 31 de marzo con Elvira Varela Bao, a memoria viva dun século de historia. “Tiña dez anos e rompéronme a vida” di a filla de Bernardino Varela, editor dos primeiros contos infantís en galego, tradutor ao galego de pezas dramáticas en francés e inglés, asistente en nome da Irmandade da Fala da Coruña á Asemblea Nacionalista de Lugo. Tamén participará  Elvira Bao Maceiras, mestra no Lazareto de tuberculosos de Oza, pertencente ás Irmandades, presidenta da Agrupación Republicana Feminina, impulsora das Escolas de Ensiño galego. Pasou varios meses no cárcere e foi inhabilitada para exercer como mestra.
O ciclo continuará o 7 de abril con  Xosé Luís Axeitos, académico, veciño e estudoso de Manuel Antonio, un dos grandes poetas europeos do século XX. Militante desde os 18 anos das Irmandades da Fala  a través das Mocedades Nazonalistas, para Manuel Antonio a nación non era só un sentimento de pertenza a un pobo, era tamén unha conquista propia e un achado sempre novidoso, tal como lle di a Risco con entusiasmo  xuvenil: "Xa temos un estímulo fondo e nobre para estudar a Galiza, e cultivarnos e ser bos soldados e escultores ao servizo do porvir de Galiza".
O 14 de abril será a quenda de Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, actor, formador de intérpretes e investigador do sistema teatral galego, que disertará sobre “E o teatro fixo país. A actividade dramática das Irmandades da Fala”.
O 21 de abril Xesús Torres acompañará a Alfonso Posse, cuñado e albacea de Álvaro Cebreiro, o artista precoz que aos 16 anos comezou a colaborar n'A Nosa Terra e aos 17 facía a súa primeira exposición na sede da Irmandade da Fala e foi coautor do Manifesto Máis Alá. Alfonso é fiel gardador da súa memoria e vén contribuíndo desde hai anos a recuperar e divulgar a obra e personalidade do artista coruñés, facilitando aos investigadores a consulta do arquivo e biblioteca familiar que organizou e que custodia.
O 28 de abril Pablo González Mariñas e Xosé María Monterroso lembrarán ao Jenaro Mariñas del Valle de "E nom escarmento. E nom quero escarmentar". O 5 de maio Manuel  Lugrís, neto de Lugrís Freire, lembrará ao galeguista que primeiro utilizou a lingua nun mitin e que escribiu a primeira Gramática en lingua galega. E, para rematar, o  12 de maio, Goretti Sanmartín, investigadora, profesora da UDC e actualmente vicepresidenta da Deputación da Coruña, falaranos de Antón e Ramón Vilar Ponte,  un binomio fraterno  imprescindible na historia política e cultural de Galiza.
Todas as Conversas en Irmandade terán lugar ás 20 horas no local da asociación cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos 16, 1º A Coruña).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario