Segundo a información que o Instituto Galego de Estatística tira do INE o persoal asalariado galego rematou o pasado ano cun soldo medio duns 1.775 euros por persoa e mes. Trátase dunha cifra moi semellante ás dos cuartos trimestres de 2014 e 2013 e está un chisco por baixo das acadadas nos remates de 2010 ou 2011. Mentres os custos salariais galegos non variaban significativamente este indicador si que avanzaba no conxunto do Estado. Así, durante 2015, concretamente no segundo trimestre a diferenza entre os salarios galegos e españois acadou o seu máximo nivel nunha década.
Durante o pasado ano o soldo medio galego chegou a ser 305 euros inferior ao soldo medio españolAtendendo a estes datos nese trimestre o soldo medio galego era 305 euros inferior ao soldo medio español. Cómpre remontarse ao segundo trimestre do ano 2005 para atopar unha diferenza semellante, de 304 euros. Naquela altura, non obstante, o custo salarial medio en Galicia era uns 400 euros mensuais inferior ao actual. Ata acadar esa nova diferenza máxima a maior fenda fora a rexistrada no inicio de 2012, cando o salario medio galego era uns 214 euros inferior ao rexistrado no conxunto do Estado.
Estas diferenzas son a tradución en euros dunha evolución dispar dos custos salariais en Galicia e no Estado. No último trimestre do pasado ano, por exemplo, os soldos avanzaron en Galicia un 0,4%, mentres que o crecemento medio estatal foi máis de catro veces superior, ata acadar o 1,70%. O indicador salarial de España é mellor que o de Galicia dende finais de 2014, mentres que en 2013 os salarios galegos se comportaron mellor que os españois. Durante os anos da considerada bonanza económica os soldos chegaran a medrar en Galicia o duplo que en España.
Como amosa a gráfica por baixo destas liñas, os datos medios de salarios non sufriron excesivas variacións en Galicia durante os peores anos da crise. No entanto, outros indicadores como o decil de salarios tirado da Enquisa de Poboación Activa (EPA) sinalan que a evolución foi dispar entre os soldos máis baixos, que caeron durante a recesión, e os máis altos, que aumentaron. Así, por exemplo, o persoal que agora cobra apenas 400 euros brutos ao mesmo recibía antes da crise uns 500. Mentres, os salarios que no inicio das dificultades económicas roldaban os 4.200 euros mensuais acadan na actualidade uns 4.500.
Ningún comentario:
Publicar un comentario