martes, 15 de marzo de 2016

O rural galego quere cambio

Parece que comeza a non sorprendernos ver accións de distintos colectivos que no noso país vivían dos sectores primarios e que de súpeto, coma se dun tsunami ou unha enorme tormenta se tratara, ven ameazada a súa supervivencia. Temos que saír a berrar no obradoiro que o noso mar non se vende, temos que colocar os tractores diante das cámaras para defender o prezo do noso leite, temos que protestar cos coellos en gaiolas diante dunha consellería que non é nosa. Non se trata de catástrofes atmosféricas nin de imprevisibles xiros no mercado. Non se trata da reivindicación illada dun ou doutro colectivo que lexitimamente defende os seus intereses económicos sen miras políticas. Non son os únicos colectivos que están ameazados. As abelleiras e abelleiros plantaron unha xuntanza coa administración para tratar a ameaza da vespa asiática porque non sentían que se estiveran escoitando as súas razóns, o noso sector vitícola enfróntase este ano 2016 á paralización da compra-venda de cotas de viñedo e á incerteza do que vai acontecer cando as cotas, que impediron novas plantacións durante estes anos, que supuxeron unha inversión importante en activos intanxibles, sexan liberalizadas. O mesmo sistema de cotas que, ao desaparecer, e esquecendo, insisto, as ás veces enormes inversións que custaron ao sector, desencadearon a crise de prezos do leite polo que as nosas gandarías están ao borde da quebra.
Non é unha crise de prezos nin un esgotamento de recursos, é unha estafa pola que se nos pretende facer crer que o noso modelo produtivo é ineficiente e debe deixar paso a un modelo de produción de alimentos acorde cos novos tempos neoliberais. Un modelo gobernado polo mercado internacional de alimentos, controlado por moi poucas multinacionais, que agarda esperanzado a aprobación do TTIP para poder impoñernos unha alimentación pouco saudable, pouco sostible, xeradora de beneficios para as elites.

Non é certo que o noso modelo produtivo sexa ineficiente. Cando nos programas de desenvolvemento rural do Estado español e da Xunta de Galicia (e isto é unha constante desde os inicios da Política Agraria Común europea) se establece como obxectivo “O aumento da competitividade”, estase apuntando a unha precarización crecente das traballadoras e traballadores dos sectores primarios. Se a desfeita nos dereitos laborais da poboación urbana e a caída dos salarios xustifícase precisamente en base ao necesario “aumento da competitividade do noso mercado laboral”, resulta difícil de entender que non se teña tan claro no noso campo e no noso mar.
Será inútil que poñamos o foco nalgún dos colectivos que, segundo o ritmo sempre cambiante da actualidade, se vexan abocados a adicar o seu tempo a mobilizacións e roldas de prensa. A cuestión é se defendemos a nosa capacidade para producir alimentos de calidade que abastezan os nosos mercados, ou se avanzamos cara un modelo neoliberal, intensivo en capital e non en man de obra, que aumenta a produción mediante o consumo crecente de insumos ( cereais e pensos transxénicos, enerxía, maquinaria fianciada mediante o crédito), que acepta a lóxica do apalancamento financeiro endebedándose cada vez máis para poder producir cada vez máis, que produce cantidades que só poden adicarse á industria agroalimentaria, e que devolve, despois de moitos kilómetros, moitos gastos financeiros, moitos trámites e moita publicidade, alimentos procesados para abastecer á xente común a baixo prezo. En todo este itinerario, os salarios serán competitivos, os produtos competitivos, e a nosa paisaxe, me temo, será máis competitiva que habitable.
O segundo gran obxectivo dos Plans de Desenvolvemento Rural é a diversificación da economía agraria. Resulta algo paradóxico que se nos propoña este obxectivo nun país tradicionalmente minifundista que fixo da diversificación a súa aposta pola eficiencia. A diversificación da nosa economía consistiu, ata o desmantelamento das nosas aldeas que se inicia nos anos setenta ou oitenta, en ter eidos bastantes para producir todo o que se precisaba na casa (mantemento da facenda, comida, leña, castañas, viño....etc) e para xerar ingresos pola venda de excedentes. Esta economía complementábase con oficios que moitas veces non eran a tempo completo e por último, a man de obra excedentaria despois de cubrir todas estas necesidades empregábase como asalariada. Desde os anos setenta, isto supuxo abandonar a aldea para volver a atender todo ese traballo pendente durante os fins de semana e as vacacións. Iso era unha economía  diversificada. A diversificación que propoñen agora os Plans de desenvolvemento rural ten unha única dirección: o turismo.
Abandonar o discurso lastimero e autoinculpatorio do minifundio como causa do atraso económico debe ser tamén unha prioridade. En primeiro lugar, o minifundio chegou a máximos insostibles coa explosión demográfica de finais do século XIX e principios do século XX, explosión que tivo a súa causa nun aumento da produtividade da terra e da eficiencia do modelo tras a introdución da pataca e o millo nas economías agrarias. A explosión demográfica que produciu a primeira grande onda migratoria. Debemos, polo tanto, reverter esa atomización da propiedade, relativamente recente na nosa historia, e esta debe ser unha prioridade da nosa política rural. En segundo lugar, os oficios complementarios a esta economía minifundista (penso en afiadores, barquilleiros, cordeleiros, etc), se ben foron, indiscutiblemente, oficios da miseria, permitiron a galegas e galegos, durante os difíciles anos de posguerra, manter a propiedade das súas terras, manter a casa e as súas producións de autoconsumo, e non engrosar os arrabaldos de chabolas das grandes cidades nas que por aquela época acampaban outras comunidades labregas do centro e o sur da península.
Semella que a estas alturas, cando o problema do leite alude á Lactalis e á Nestlé, coller a corredoira do minifundio é, como mínimo extravagante, pero se aumentamos o foco co que nos miramos como país, se subimos un chanzo para vernos non xa como víctimas do centralismo madrileño senón como unha peza máis dun puzzle que se deseña máis en Davos que en Bruxelas, podemos vernos como un país que segue resistindo aos estragos do capitalismo. Na nosa vocación de resistencia reside a explicación de que na Ribeira Sacra sigan existindo minúsculos pataos adicados ao viño, a explicación de que siga sendo posible comprar verdura na estrada ou conseguir ovos caseiros, e de que as verzas non desapareceran aínda da nosa paisaxe. Fóra das nosas aldeas, poñamos en Madrid,  poñamos en Nova Iorque, a mercantilización da vida cotiá, na que a mera supervivencia depende dos cartos que se teñan no peto, na que se pode pagar por todo, como pasear ao can, supón unha vez máis unha ameaza de exclusión para sectores cada vez máis amplos desa masa social que soe quedar abaixo.
A defensa dun modelo productivo sostible para o noso rural debe ter en conta que o futuro do rural non pasa exclusivamente polas producións industrializadas, nin pola vocación das nosas aldeas convertidas en parques temáticos onde os lugareños actuamos para deleite de visitantes ricos.
O noso futuro pasa pola consideración de que o noso modelo é eficiente, pola defensa dos nosos modos de vida artesanais, desde o cerco ao mel de quen ten unhas poucas colmeas e vende os excedentes, pero sobre todo por saber que hai que opoñerse a plans de desenvolvemento rural que teñan como obxectivo o aumento a competitividade. Porque iso significará unha lei de acuicultura que venda o noso mar para devolvernos peixe que nin o nome mereza, mel producido en Galicia misturado con mel chino a prezo de ganga en grandes cadeas de alimentación, leite en pó para quen non poda pagarse leite de calidade, ovos de galiñas que nunca souberon o que é vivir, portas abertas para os transxénicos na nosa alimentación. Temos que defender o noso modelo e non afogalo con lexislacións que hipócritamente declaran querer modernizalo. Cada vez máis, todo o da aldea é ilegal, ineficiente, ou engorda.
As prioridades dunha nova política para o agro teñen que ter en consideración que a agricultura non profesional, pese a non xerar beneficios para ninguén, salvo para as familias que poden alimentarse da casa, é importante para unha economía na que o rescate cidadán, a cantidade de persoas que xa non poden acceder a unha alimentación digna, medra cada día. Pero ademáis hai que atender á produtividade e eficiencia dos sectores que son capaces de producir alimento para o mercado. Protexer o sector leiteiro con unha aposta pola estruturación do sector para acadar maior capacidade de negociación, así como inversión en investigación para aumentar o rendemento das forraxes autóctonas e reducir a dependencia de pensos e forraxes importadas, que manteña o equilibrio entre os prezos competitivos e os productos de alta calidade adicados aos segmentos “delicatessen”, que mellore as denominacións de orixe. Precisamos unha política que manteña a capacidade productiva das nosas rías protexendo as artes tradicionais,  que reaccione rápidamente ante calquera ameaza como a vespa velutina, que está sendo controlada pola sociedade civil e non pola administración, que anticipe os escenarios posibles ante a liberalización de cotas de viñedo e os impactos do TTIP.
E unha politica rural que manteña o nivel de servicios públicos a niveles equiparables aos da realidade urbana. Con servicios para a infancia que non sigan animando ás familias a emigrar á cidade polo ben dos nenos. Que non goberne como se as aldeas fosen unha inmensa residencia xeriátrica de baixo custe que devolve votos, senón como un territorio onde moitas familias deciden vivir. Que asuma que o abandono do rural está xerando problemas graves que as comunidades labregas tradicionais conseguían xestionar: os danos por fauna salvaxe e os incendios forestais son os máis chamativos. Non ten sentido, no século XX, que a fauna salvaxe sexa un problema para moitas galegas e galegos, porque é un ben común, un tesouro que podemos xestionar para a colectividade, se asumimos que ten uns custes que deberán ser compartidos.
Precisamos no rural unha política feita desde o rural e non desde os despachos, unha política participativa que poña por diante á xente. John Berger escribiu en 1979 un pequeno ensaio, incluído en Porca Terra, sobre os modos de produción labregos que me resulta dunha actualidade desconcertante, e do que reproduzo unha pequena cita: “ Tomemos como exemplo clave o conservadurismo do campesinado (...), todo o conxunto de actitudes e reaccións que a miúdo (pero non invariablemente) permitiu que certas sociedades rurais foran clasificadas entre as forzas que se alinean a favor da dereita. En primeiro lugar, temos que observar que as clasificacións as fan as cidades conforme a un guión histórico, pertencente á cultura do progreso, que enfrenta á dereita e á esquerda. O labrego rexeita este guión, e non é parvo ao facelo, pois nel, independentemente de que gañe a dereita ou a esquerda, prevése a súa desaparición”.
A ventá de oportunidade que se abre no rural ven da man de cambios profundos na política estatal e europea, pero sobre todo, quen a mantén aberta somos a xente que vivimos no rural e que non permitimos que a nosa paisaxe fose aínda borrada. Somos nós as que temos que deseñar un século XXI que permita ás nosas fillas e fillos non ter que abandoar as aldeas nas que lles gusta vivir.

Mercedes Martínez Modroño

Ningún comentario:

Publicar un comentario