martes, 22 de marzo de 2016

A olimpíada dos robots aterra na Coruña

Nenos e adolescentes poderán participar en abril nun evento co reto de chegar á final en Nova Deli.

Por segundo ano consecutivo A Coruña vai ser a sede galega da World Robot Olympiad (www.wroboto.es), un acontecemento internacional que se celebrará en máis de 15 cidades españolas e en ducias de sedes ao longo de todo o mundo. Participantes de 7 a 19 anos poden apuntarse a un reto que lles permitirá lucir as súas habilidades na programación de robots e talvez ata chegar á final internacional da WRO que este ano se celebrará na cidade de Nova Deli. Os nenos e adolescentes galegos que participen tratarán de obter o premio principal, que consiste en poder chegar á fase final española, que se celebrará no mes de setembro en Logroño.

A entidade Arkitas Robótica é a encargada das tarefas de organización da WRO en Galicia. Como xa aconteceu o ano pasado, a xornada de competición terá lugar o vindeiro 16 de abril no pavillón deportivo do colexio Compañía de María da Coruña. Begoña Juárez, responsable de comunicación de Arkitas Robótica, explica que o obxectivo dun evento deste tipo é achegar a robótica aos máis novos, unha tarefa na que a súa empresa xa vén traballando desde fai máis dun ano, a través da realización de talleres e outras actividades relacionadas coa robótica. Máis de 300 nenos recibiron formación ao longo da súa curta existencia.
No Desafío Regular os equipos teñen que construír o seu propio robot
A competición que terá lugar o día 16 conta con tres tipos de retos. Por unha banda está o Desafío Regular, no que os equipos participantes (de dous a tres persoas cada un) terán que construír un robot para resolver coa máxima puntuación as probas expostas sobre un taboleiro. O Desafío Open consiste en ofrecer soluciones robóticas ao problema exposto, que este ano se refire á xestión de residuos. Finalmente, o Desafío Football consiste en crear equipos de dous robots para enfrontarse aos demais participantes. Esta última proba está aberta a nenos e mozos de 10 a 19 anos, mentres que as outras dúas categorías están divididas segundo a idade dos participantes.
O ano pasado a edición galega da WRO contou con medio centenar de inscritos e este ano esperan incrementar a participación. Ata uns días antes da proba poden realizarse as inscricións na propia web da WRO. Begoña Juárez confía en que este tipo de iniciativas permitan a Galicia elevar o nivel de interese pola robótica, unha disciplina que aínda non é moi habitual nos colexios galegos pero que se vai a converter en breve espazo de tempo en tan necesaria como pode selo  agora o estudo do inglés, segundo indica Juárez.
“Unha competición deste tipo é divertida para o nenos pero ao mesmo tempo esixe unha concentración importante. Desde Arkitas Robótica vimos realizado talleres e outras actividades relacionadas con esta disciplina en varios colexios e institucións privadas da Coruña pero un dos nosos retos é levar tamén a robótica aos colexios públicos”, conclúe a responsable de comunicación da entidade coruñesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario