mércores, 30 de marzo de 2016

O freo á Lomce, a primeira reforma que tramitará o Congreso

O control ao Goberno en funcións.


A proposición de lei do PSOE será a primeira norma do PP cuestionada no pleno.

A primeira reforma legal que abordará o pleno do Congreso dos Deputados será simbólicamente a paralización dunha das leis emblemáticas do Goberno de Mariano Rajoy: a Lomce (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa). O pleno do Congreso debaterá e votará o vindeiro martes unha proposición de lei do PSOE, a primeira da lexislatura, para parar a aplicación desa norma. Será só o primeiro trámite e é imposible que culmine todo o procedemento nas dúas Cámaras, pero o resultado será un símbolo da nova situación política e parlamentaria.
Se hai investidura antes do 2 de maio si podería ser aprobado finalmente, porque o PP só podería demoralo no Senado, pero non impedilo. Sería a primeira lei da lexislatura. Se nesa data non hai Goberno a iniciativa decaería.
De feito, os socialistas elixiron unha iniciativa que concite o apoio dos demais grupos, especialmente, de Podemos e de Cidadáns. A Lomce foi aprobada a pasada lexislatura só cos votos do PP e este partido podería quedar de novo só, coa notable diferenza de que agora está en minoría.
A proposición de lei pasou xa o trámite de informe polo Goberno en funcións. A Moncloa deixou pasar o prazo dun mes que lle outorga a lei. É a primeira vez en democracia que o Congreso inicia a súa actividade lexislativa sen esperar a que haxa novo Goberno.
O pleno tamén debaterá e votará o vindeiro martes unha reforma do Estatuto da Comunidade Valenciana que estaba pendente da anterior lexislatura.
Os grupos presentaron proposicións non de lei pedindo a derrogación de todas as leis simbólicas do PP, como a de Seguridade Cidadá (lei mordaza), a reforma laboral, a lei de Enjuiciamiento Criminal e a prisión permanente revisable, entre outras. Todas teñen, con todo, un valor simbólico e político, polo que non é executiva a súa aprobación.
A Lomce está na súa fase final de aplicación e é xusto o que quere deter a proposición de lei do PSOE. A próxima convocatoria prevista no calendario da lei educativa será en maio. Entón está prevista a avaliación externa que deberán facer os preto de 400.000 alumnos de sexto de primaria (12 anos). As comunidades autónomas gobernadas polo PSOE levaron estas probas aos tribunais para tentar frealas e están á espera de resolver a situación.
En todo caso, a aprobación da proposición de lei do PSOE non chegaría a tempo de frear estas probas.
O curso que vén é o último de implantación da Lomce, que chega aos cursos pares de secundaria e a segundo de bacharelato. A esa fase si chegaría a tempo unha posible reforma legal agora.
Está pendente o deseño da reválida externa de secundaria e a de bacharelato, que substituiría á actual proba de Selectividade en 2017. Estas reformas tamén quedarían afectadas se se aprobase unha reforma da lei.
PSOE e Podemos levaban expresamente nos seus programas a derrogación da Lomce e Cidadáns sempre defendeu un pacto para unha lei de educación consensuada, pero sen pronunciarse expresamente sobre eliminar a actual lei educativa do PP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario