Cada vez teñen máis
presenza na nosa sociedade as mancaduras e lesións relacionadas coas
posturas que mantemos en relación aos elementos da Sociedade de
Información. De feito, boa parte das patoloxías relacionadas con
problemas cervicais (que afectan a preto da metade das traballadoras
e traballadores do mundo) teñen relación directa coa posición
adoptada diante da pantalla do computador. Así
nolo conta estes días a investigadora da Facultade de Ciencias da
Educación e do Deporte (Campus de Pontevedra) Tania García, que
está a realizar un estudo que avalía o impacto que teñen as
pantallas na postura de cabeza e columna cervical dos traballadores e
traballadoras da Consellería de Sanidade da Xunta. O obxectivo:
definir recomendacións e intervencións que permitan diminuír as
dores músculo-esqueléticas derivadas do devandito. A xuízo da
investigadora, unha correcta “hixiene postural” e o seguimento
dunha serie de pautas relativas a posturas e movementos resultan
“decisivos” para “evitarmos estes tipo de problemas”.
Por certo que canda
fala de “hixiene postural” Tania García refírese ás normas
minimizar a carga á que sometemos á columna vertebral. A
investigadora, que desenvolve o seu labor ao abeiro do grupo GIES-10
(que dirixe a profesora Margarita Pino), sitúa a orixe do seu
traballo no protocolo de colaboración asinado en 2015 entre a
Universidade de Vigo e a Consellería de Sanidade para a promoción
de estilos de vida saudábeis.
O seu estudo analiza
“de maneira individualizada” a postura de cabeza e columna dunha
mostra de 372 traballadores e traballadoras da Consellería, co
propósito de deseñar, en base aos resultados obtidos, posíbeis
intervencións terapéuticas. Como norma ou recomendación primeiras
a ter en conta, Tania ponnos sobre aviso acerca dos riscos dunha
posición moi estendida entre as persoas que traballan co computador:
a cabeza adiantada coa vista posta na pantalla, o que significa unha
flexión da zona cervical inferior e a extensión da zona cervical
superior. Esta postura, sinala, “produce unha maior comprensión
das articulacións da columna cervical, o que resulta un risco de
trastornos-músculo esqueléticos no pescozo”.
Segundo engade, o
traballo diante das pantallas pode dar pé a patoloxías como
cervicalxia ou problemas no túnel carpiano, que adoitan ser “de
tipo acumulativo”, e ás que se suman problemas visuais ou fatiga
mental. Ademais, engade que os problemas cervicais afectan a entre un
40 e un 49% dos traballadores, mentres que entre un 10% e un 19%
presenta problemas nos pulsos.
O seu proxecto (Análise
descritivo-interpretativa sobre o impacto da pantallas de
visualización de datos (PVD) na postura da cabeza e a columna
cervical) céntrase no persoal cuxo traballo se leva a cabo
diante dun ordenador e que non teña padecido previamente doenzas
como fracturas ou cirurxías cervicais, escoliose idiopática, cáncer
de óso, trastornos neurolóxicos do movemento ou enfermidades do
sistema nervioso central.
Para este proxecto
prevese realizar un estudo individualizado de 372 dos traballadores e
traballadoras da Consellería, aos que tamén se lles pregunta polo
uso de tabletas, teléfonos móbiles ou televisores. Ao abeiro da
investigación, deberán responder unhas enquisas para medir os
hábitos e os índices de actividade física, a escala de dor e
discapacidade cervical e a calidade de vida, para posteriormente
realizar unha análise postural mediante o uso da fotogrametría, a
realización de fotografías tres metros por riba do suxeito para
posteriormente analizalas cun software de evolución postural.
Os resultados que se
obteñan contribuirán como dixemos ao desenvolvemento de pautas e
protocolos de actuación que poidan ser implantados pola propia
administración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario