venres, 18 de marzo de 2016

Dolores Macías e Mini e Mero, Mestra e Mestres da Memoria

GALA DE ENTREGA ESTE SÁBADO
Este sábado celébrase en Lugo a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, na que se recoñecerá os seus méritos na recuperación da cultura popular.

A gala terá lugar o sábado 19 ás 19 horas na Casa do Saber. Neste evento farase entrega dos IV Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se concede a dous informantes de literatura popular, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.
A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a literatura de tradición oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 19 de marzo, na xornada previa ao Día da Narración Oral.
A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, aprobada pola asemblea da AELG, foi a de outorgar os premios de 2016 a Dolores Macías Pose e Mini e Mero. No acto, ademais dos premiados, intervirán o grupo de gaiteiros Lúa chea de San Xoán, o acordeonista Eloi Mato, Matilde Vilariño e Francisco Almuíña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario