Terá lugar a terza feira (martes), 15 de marzo ás
20h na libraría Couceiro de Santiago e contará coa presenza do autor,
Francisco Rodríguez, e do presidente da Mesa, Marcos Maceira.
A presentación está organizada pola Mesa de Santiago xunto coa Agrupación Cultural O Galo.
A
publicación en 1976 de Conflito lingüístico e ideoloxia na Galiza
supuxo un fito na análise, interpretación e diagnóstico dos problemas do
galego en conexión cos problemas de estirpe económica, social e
política que a nosa nación padece. Ao tempo, facía a deseción das
principais ideoloxías que se proxectaban sobre o idioma e das
expectativas que delas se desprendían. Laiovento publicou a terceira
edición deste libro en 1991, e a cuarta, corrixida e enriquecida con
novos textos, en 1998. Agora aparece esta quinta edición, primeira
dixital, notoriamente aumentada con análises sobre a política
lingüística oficial, a mobilización popular contra ela, a conciencia
social sobre o idioma e o seu estado como síntoma, no que vai de século
XXI. Desta forma, a través deste libro o lector pode decatarse de como
evolucionou a situación lingüística na Galiza desde a década dos setenta
do século XX até hoxe, practicamente 50 anos, tirando as conclusións
oportunas sobre as mudanzas cuantitativas e cualitativas que se
produciron. Este libro, nesta quinta edición, primeira dixital, amplía a
súa utilidade, a súa validade, a unha cuestión clave na vida dunha
lingua oprimida como o galego: proporciona o modelo teórico e as pautas
de comportamento lingüístico precisos non só para comprendermos o
conflito lingüístico que vive este país, senón para remontalo a executar
unha prática normalizadora merecente de tal nome, isto é, que poña como
obxectivo central da preocupación polo galego a súa restauración
social, através da plenitude de usos e funcións.
No panorama bibliográfico galego -tan necesitado de páxinas
esclarecedoras a respeito do idioma-, este libro de FRANCISCO RODRÍGUEZ
(cuxas publicacións sobre Rosalía de Castro, Curros, Castelao… e outros
moitos aspectos da lingua e da literatura galega reorientaron de maneira
decisiva o coñecimento e a interpretación destas producións), segue
resultando único polo seu rigor, o seu axeitado aproveitamento do máis
científico e actualizado da sociolingüística mundial e a súa constante
preocupación por facer análise científica, ao servizo dunha causa que
non admite demoras nen trampas: a recuperación do idioma galego.
Presentacion_Conflito_L (2 MB)
Ningún comentario:
Publicar un comentario