Galicia e Portugal seguen reforzando os seus vínculos, agora a través
da ciencia. Oito entidades público-privadas da Eurorrexión, lideradas
pola Universidade de Vigo, están a promover a creación do Instituto de Bioenxeñaría para o Envellecemento Saudable, Iberos, unha proposta que acaba de ser presentada ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, POCTEP 2014-2020, coa intención de captar os 2,5 millóns de euros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento ata 2020.
Máis de 270 científicos das universidades de Vigo,
Santiago de Compostela, A Coruña, a Católica Portuguesa e Minho, así
como do Instituto de Investigacións mariña do CSIC, a Fundación Profesor
Novoa Santos, o Instituto Superior de Engenharia do Porto e o Instituto
Nacional de Engenharia Biomédica, integran o consorcio promotor de
Iberos, “achegando un gran potencial investigador no ámbito da
bioenxeñaría, con grupos punteiros e moi recoñecidos internacionalmente.
Este instituto pretende crear sinerxías e concentrar todo ese esforzo
humano e económico, focalizándoo na procura de solucións”, explica Pío González, coordinador da Rede Galega de Biomateriais (RGB) e investigador da Universidade de Vigo.
Rexión envellecida
No ano 2012 máis de 1.200.000 persoas superaban os 65 anos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, segundo o Anuario Estatístico Galicia Norte de Portugal 2013 da Xunta de Galicia.
O envellecemento da poboación é un dos grandes retos sanitarios que
enfronta a sociedade actual en Europa e, especialmente en Galiica, que
ten na investigación un dos seus principais aliados para mellorar a
calidade de vida e a saúde das persoas maiores. Co obxectivo de buscar solucións baseadas na bioenxeñaría a eses retos sanitarios que se presentan por mor do envellecemento da poboación, nace esta iniciativa galaico-portuguesa
Produtos que acheguen solucións
Osteoporose e fracturas átipicas; osteoartrite, osteosarcomas,
periodontitis; enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer; cancro e
enfermidades reumáticas ou dexeneración da cartilaxe, artrose ou
desmineralización dental, son algúns problemas concretos relacionados co
envellecemento aos que os e as investigadoras que integran Iberos
tentarían dar solución.
“Desde o instituto pretendemos desenvolver unha carteira de produtos
tecnolóxicos que acheguen solucións ás enfermidades asociadas ao
envellecemento”, explica González, que apunta ao desenvolvemento de
próteses e implantes con recubrimentos avanzados para mellorar a súa
vida útil, a sensores baseados en nanotecnoloxía para a diagnose
temperá, ao uso de nanopartículas e nanocápsulas con fins terapéuticos e
de instrumentación biomédica para a diagnose precoz, como algunhas
desas solucións aos problemas de saúde asociados á idade avanzada.
Neste sentido, o investigador da Universidade de Vigo lembra que a
procura de solucións baseadas na bioenxeñaría para problemas
relacionados co envellecemento é unha prioridade de innovación común recollida na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión, RIS3,
e que o traballo en rede dos investigadores e investigadoras de Iberos
“pode permitir obter resultados ao máis alto nivel internacional, ao
tempo que se incrementan as capacidades científicas da Eurorrexión neste
campo”, salienta.
Captar e reter talento investigador
Á espera da resolución da solicitude por importe de 2,5 millóns de
euros presentada ao POCTEP, o coordinador da Rede Galega de
Biomateriais, explica que a parte máis importante do pedido se dedicará á
captación e retención de talento investigador.
“Preténdese contratar nove investigadores ou investigadoras sénior, cun
currículo brillante, que consoliden as liñas de investigación
estratéxicas en bioenxeñería orientada ao envellecemento saudable”,
explica Pío González, que sinala que tamén se pretende formar a 45 investigadores e investigadoras noveis,
mediante contratos curtos, para realizar os seus traballos de mestrado e
doutoramento. Outras partidas dedicaranse ao desenvolvemento de
proxectos de investigación colaborativos, transferencia de resultados á
contorna socioeconómica e á comunicación, informa María del Carmen
Echevarría no diario da Universidade de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario