luns, 14 de marzo de 2016

A Mesa homenaxea Manuel María co libro-disco 'A voz do vento'

PARA OS MÁIS NOVOS
Xa está nas librarías 'A voz do vento', o libro-cd que vén de editar a Mesa pola Normalización Lingüística con poemas de Manuel María, cancións e ilustracións. Hoxe sábado 12 preséntase na Casa-Museo do escritor chairego. 
 
“É a homenaxe particular que lle queremos facer a Manuel María desde a Mesa”, cóntanos Marcos Maceira, presidente desta entidade: “A idea é difundir a obra deste poeta a través da música entre a xente máis nova”.
O chairego “foi un escritor absolutamente comprometido con Galiza e co seu idioma”, salientou Maceiras, quen lembra que o autor era socio da Mesa. Neste proxecto “ponse música a poemas que van do intimismo ao compromiso a través de diversos estilos contemporáneos que pretenden chegar a todos os públicos mais dun xeito especial ao público xuvenil”.
O sábado ás 12 realízase a primeira presentación de 'A voz do vento' na Casa-Museo de Outeiro de Rei. O acto contará coa actuación musical de Fran Amil, e nel intervirán o secretario da Fundación Manuel María Alberte Ansede, o presidente da Mesa Marcos Maceira e Jano, ilustrador do libro.
O libro-cd inclúe poemas de Manuel María, música de Fran Amil e a tribo incomprensíbel e ilustracións de Jano. Os textos están extraídos dos libros: Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas.
A tribo incomprensíbel está composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira  e Ricardo Casás, pero tamén colaboraron coas súas voces Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa. Segundo sinalou o autor das músicas, Fran Amil, o libro-cd “é unha escolma de All Stars do país” e “unha especie de catálogo de historia pre-pos-bravú”.
Na web da Mesa pódese escoitar un dos temas, 'Ollei misiles con radar'.

Ningún comentario:

Publicar un comentario