Máis de mil escolares que aprenden lingua e cultura galegas nestas rexións da Galaecia histórica celebran o 'Día do galego' no marco das VIII Xornadas Martín Sarmiento.
O Bierzo e Sanabria tamén falan e senten en galego. Alí estudan este idioma máis de mil alumnos que este mércores celebraron o 'Día do galego' nun acto que se enmarca na VIII edición das Xornadas Martín Sarmiento.Esta nova edición congregou no Teatro Vilafranquino a boa parte dos máis de mil escolares de ensino primario e secundario que estudan lingua e cultura galegas nestas dúas rexións da Galaecia histórica.
O acceso á aprendizaxe do galego é posible nos territorios limítrofes das provincias de León e de Zamora en Galicia -en concreto, nas áreas do Bierzo e de Sanabria- en preto dunha vintena de centros educativos adscritos ao Programa de promoción do galego. Un programa que puxo en marcha pola Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León hai case 15 anos, como medida de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicia nestes territorios galegofalantes do exterior.
Grazas á este programa, ampliado coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre os dous gobernos en 2006, actualmente estuda materias de ou en galego máis dun milleiro de alumnos e alumnas no ensino primario ou medio en centros de León e Zamora. Deste xeito, o alumnado dos centros participantes opta a recibir docencia co galego como lingua vehicular en distintas áreas.
Ademais, estes alumnos teñen a oportunidade de afianzar os seus estudos de galego con actividades complementarias que inclúen visitas de estudos a Galicia apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación.
A estes actos asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e tamén o alcalde de Vialfranca, José Manuel Pereira; o director xeral de Recursos Humanos da Consejería de Educación da Junta de Castela e León, Jesús Hurtado e o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez. Todos eles mantiveron, tamén, unha xuntanza no concello para coordinaren os estudos e maila promoción da lingua galega en toda a zona.
Valentín García lembrou “a importancia de que as familias sexan conscientes das vantaxes que o coñecemento do galego e mailo plurilingüismo supoñen para os habitantes destas comarcas, desde o punto de vista cultural, comunicativo e formativo” e dixo que tamén lles permite comunicarse con 250 millóns de persoas de fala portuguesa en todo o mundo lusófono.
Ningún comentario:
Publicar un comentario