O Museo de Historia Natural da USC e a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia de Santiago celebrarán o Día Mundial da Árbore 2016
con varios roteiros guiados gratuítos polos parques de Santiago. O 21
de marzo estarán destinados ao público en xeral e do 28 ao 1 de abril a
centros de ensino.
Trátase non só de pór en valor as árbores como habitantes da cidade senón de dar tamén a coñecer unha parte importante da biodiversidade dos parques de Compostela, en concreto a Alameda, o Parque de Vista Alegre (Finca Simeón) e o Parque Eugenio Granell.
O día 21 haberá roteiros guiados simultáneos nos que poderá
participar xente de calquera idade en tres quendas –10.00, 12.00 e 16.30
horas– de unha hora e media de duración. En cada un deles o guía
informará sobre as funcións máis salientables dos parques na cidade e
farase entrega dun plano no que se destacarán as árbores máis
interesantes. Os participantes deberán facer reserva previa, aínda que
se admitirá a quen chegue ao mesmo parque no momento fixado para iniciar
a actividade, sempre que o tamaño do grupo o permita.
Os roteiros para os centros de ensino organízanse segundo as idades. De 4 a 8 anos o conto de ‘Paco, o Carballo’
será o fío condutor da actividade na que o alumnado coñecerá a vida
desta árbore, as súas partes (raíces, tronco, follas…) e finalmente
sairán á procura doutras “amigas árbores” (a Señora
Maceira, o Señor Castiñeiro…). O roteiro para nenos e nenas de 8 a 14
anos leva por título ‘Os segredos das nosas árbores’ e consistirá nun
xogo de pistas arredor das árbores do parque.
A partir de 14 anos en adiante está prevista a actividade ‘Unha
árbore, unha vida’ na que os rapaces e rapazas, divididos en pequenos
grupos, terán que preparar unha ficha detallada dunha especie en
particular.
O programa de actividades presentouse este mércores no Concello compostelán coa participación da directora do Museo, Mabel Fraga; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; a presidenta de Feitoría Verde, empresa que se encarga de xestionar o CIAC, Paula Lubián; e Luis Incera, de Ferrovial.
O CIAC súmase á iniciativa do Día da Árbore para
complementar a oferta achegando unha visión desde a perspectiva da
divulgación ambiental traballando as árbores como centro das actividades
a desenvolver na fin de semana do 2 e 3 de abril cun carácter
divulgativo. Para o día 2 está prevista unha xornada de animación na rúa coa colaboración do contacontos Anxo Moure e para o 3 un obradoiro sobre indicadores ambientais nas árbores.
Pola súa banda, Ferrovial, empresa encargada do mantemento de xardíns
e zonas verdes de Santiago, achega folletos, guías e a arborada que se
vai plantar. Ademais, o persoal de xardinaría de Santiago colaborarán na plantación de árbores ao final das actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario