martes, 29 de marzo de 2016

A Xunta quere reter talento científico con contratos de só cinco anos

O catálogo de postos de traballo da Administración autonómica incluirá por primeira vez a figura do persoal investigador, para o que haberá tres tipos de contrato específicos que non excederán os cinco anos de duración.

A Xunta de Galicia vai crear por primeira vez a figura do persoal investigador e incluiraa no catálogo de postos de traballo da Administración autonómica, co obxectivo de favorecer a retención do talento científico. Así, e segundo a propia Xunta, Galicia será pioneira en regular a contratación en réxime laboral do persoal investigador que realiza o seu traballo en centros de investigación da Administración autonómica. Nos últimos dous anos, a Xunta contratou 111 persoas vinculadas a proxectos de investigación.
Este persoal poderá ser contratado a través dos entes públicos da Xunta que desenvolven o seu labor científico nos eidos da innovación e a sanidade. Para iso, o proxecto de decreto –que xa foi trasladado ás organizacións sindicais– establece tres tipos de contrato, como determina a lexislación estatal. En todo caso, a duración do contrato será de ata cinco anos.
O primeiro tipo de contrato será o de investigador distinguido, cunha duración máxima de cinco anos. As retribucións non poderán exceder das correspondentes para un funcionario do grupo A1 en posto de nivel 28, e a selección efectuarase mediante un concurso específico que constará de dúas fases: unha primeira fase de valoración de méritos e unha segunda fase, que pode consistir en probas de carácter práctico, entrevista ou test.
O segundo tipo de contrato é o de acceso ao sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación, cunha duración máxima que tampouco excederá de cinco anos. As súas retribucións non poderán exceder das correspondentes a un funcionario do grupo A1 en posto de nivel 25, e a selección será tamén por concurso específico.
O terceiro tipo de contrato que establece o proxecto de decreto é o contrato predoutoral, cunha duración que non pode exceder os catro anos. As súas retribucións non poderán ser inferiores ao 56% do salario previsto para o grupo I do persoal laboral da Xunta, porcentaxe que medrará ao 60% no terceiro ano e ao 75% no cuarto ano. A selección será realizada mediante un concurso de méritos.
En canto ás bases do proceso selectivo, as contratacións deberán contar cun informe favorable da Axencia Galega de Innovación que deberá conter cal das modalidades contractuais considera máis axeitada entre as anteriormente enumeradas. Nestes procesos selectivos haberá un órgano de selección designado pola Axencia Galega de Innovación, e tamén haberá catro vogais que deberán ser persoas expertas do ámbito da investigación con alta cualificación no eido científico, e con coñecementos avanzados no ámbito temático a tratar. Tamén deberán estar en posesión da titulación de doutor.
Avaliación
O proxecto de decreto establece que o persoal investigador será obxecto dunha avaliación realizada pola Axencia Galega de Innovación. Mediante esta avaliación, a persoa contratada poderá obter un destes resultados: pauper, malus ou bonus.
No caso de recibir o resultado de pauper, isto dará lugar á rescisión do contrato. O resultado de malus impedirá a primeira vez percibir o complemento de produtividade, e unha segunda avaliación deste tipo dará lugar a rescisión do contrato. A avaliación bonus dará lugar a percepción do complemento de produtividade, que será unha porcentaxe sobre o salario.
Ámbitos de investigación
O proxecto de decreto establece que a Administración galega poderá contratar este persoal a través de dez entes públicos da Xunta que desenvolven o seu labor científico nos eidos da innovación, a saúde, a tecnoloxía e a alimentación.
Así, no eido da innovación poderán contratar persoal investigador a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Axencia Galega de Innovación e a Fundación CESGA. No eido da saúde, poderán facelo a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
Ademais, tamén están incluídas neste decreto cinco entes públicos vinculados á investigación en saúde e alimentación: o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL), a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, Xenética Fontao, S.A., o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR).

Ningún comentario:

Publicar un comentario