Cinco estudantes da
Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación veñen de
converterse nos gañadores do concurso internacional XMINT Project. A
súa achega foi unha aplicación para móbiles dirixida a fomentar a
implicación da cidadanía con UNICEF a través dunha “estratexia
de gamificación”. O
proxecto, destinado polo tanto a fomentar a captación de socios por
parte da ONG, veu da man de Iago Souto, Alba Martín, Isabel Rey,
Marta Caeiro e Ángel Rey. Este grupo de alumnos do Campus de
Pontevedra (procedentes de Publicidade e Relacións Públicas e
Comunicación Audiovisual) competiron no concurso XMINT Project
(coordinado pola universidade belga Karel de Grote), con equipos
semellantes procedentes das universidades de Grenoble (Francia),
Northumbria (Reino Unido), Katowice (Polonia) e Charlemain (Bélxica).
Na tarde deste venres presentaron as súas campañas na sede de
UNICEF en Bruxelas. O reto de todas elas: deseñar a mellor campaña
publicitaria crossmedia para a organización humanitaria.
No caso do grupo
pontevedrés, o reto tivo como elemento central unha aplicación para
móbiles destinada a fomentar ás doazóns a esta organización e que
“a través dunha estratexia de gamificación”,
incrementase a concienciación dos usuarios. “Tratábase dunha
aplicación para potenciar as doazóns, na que se facía unha
equivalencia entre cousas ás que podías renunciar na túa vida e o
que podías achegar a UNICEF”, explica Vicente Badenes, un dos
profesores encargados de asesorar este proxecto, no que “os alumnos
competiron con universidades moi potentes”. Badenes salienta que
“fixeron un gran traballo en pouco tempo e a verdade é que é un
proxecto destes que nos enche de orgullo”. Outro dos profesores,
Xabier Rolán, salientou “o alto nivel” dos proxectos de todas
as universidades, que foron avaliados por un xurado composto por tres
representantes de UNICEF e un de cada unha das universidades
participantes, que non podían votar polo seu propio equipo.
Os profesores Oswaldo
García, Mabel Míguez, Vicente Badenes e Xabier Martínez Rolán
foron os encargados de coordinar o traballo deste grupo de alumnos,
que desde o mes de xaneiro veñen desenvolvendo un proxecto que, en
primeiro termo levounos a estudar campañas previas, tanto desta
organización como doutras ONG, así como á realización de enquisas
e a análise de diferentes estudos. A partires de aí, informa a
Universidade de Vigo, os estudantes comezaron a traballar no deseño
dunha campaña na que fan uso de diferentes soportes, desde medios
gráficos e audiovisais ata redes sociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario