No tradicional acto que se celebra no Gaiás e que preside Feijóó faltaron catro das mulleres previstas na lista orixinal que manexou a Xunta nas semanas previas a este evento e que destacan nas áreas de pintura e artes plásticas, ciencia e tecnoloxía, música, deporte e comunicación.
O titular do Goberno galego, acompañado por membros do seu Executivo e doutras autoridades, presidiu este martes no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura o acto institucional con motivo do Día Internacional da Muller. Un acto no que houbo ausencias significativas se se ten en conta o esquema inicial ideado polo propio Goberno galego.Tradicionalmente, neste acto homenaxéanse a mulleres xa veteranas e mulleres máis novas que, ata este ano, destacaban en cinco áreas determinadas; pintura e artes plásticas, ciencia e tecnoloxía, música, deporte e comunicación. Sen embargo, e segundo a proposta orixinal que manexou a Xunta e á que tivo acceso GC, había catro mulleres que, finalmente, non asistiron a este evento.
Así, na proposta orixinal figuraban na a blogueira de moda María Tilve e Tereixa Navaza, como muller nova e veterana, respectivamente, na área de Comunicación. A proposta da Xunta tamén incluía á pintora Menchu Lamas e á grafiteira Silvia Rodriguez, na área de pintura e artes plásticas.
En Ciencia e tecnoloxía estaba prevista a asitencia de Guadalupe Perez, primera cirurxana de Galicia, e Tays Ferrer e o seu grupo de investigación por ser as inventoras dun dron transportador de órganos para transplantes. En música a proposta era Maruxa Miguéns, primeira gaiteira galega e Marta Fierro, DJ profesional, mentres que no deporte, Margarita Dans, primeira muller en practicar atletismo profesional e Marta Brañas, boxeadora profesional.
Desta relación, catro delas non participaron no acto que tivo lugar na Cidade da Cultura e que tiña como obxectivo, precisamente, render unha homenaxe ás mulleres que teñen realizado un traballo relevante en profesións que realizan, maioritariamente, homes.
Entre as que figuraban nesa lista orixinal e que non estiveron no evento están María Tilve, Menchu Lamas, Margarita Dans e Tereixa Navaza. Precisamente, esta última remitía hai uns días unha misiva ao GC no que renunciaba a ser unha das homenaxeadas en solidariedade “cos compañeir@s da TVE” pola perda de credibilidade deste medio público no que ela traballou. Do resto, este medio non puido confirmar as causas da súa non presenza no acto.
Finalmente, no evento participaron Guadalupe Pérez, a primeira muller cirurxiá pediátrica; a pintora Ángeles Jorreto, ou Maruxa Miguéns, a primeira muller gaiteira profesional. Marta Fierro, Dj profesional; a boxeadora Marta Brañas, ou a graffitera Silvia Rodríguez, coñecida artisticamente como Sax, representaron ás xeracións máis novas da muller galega. Tamén estiveron presentes Tays Ferrer e o seu grupo de investigación con Susana López, Macarena Arca e Andrea Magán, nun acto que foi conducido polas xornalistas da TVG Encina Pazos e Marta Darriba.
Feijóo valora a xenerosidade das mulleres
Alberto Núñez Feijóo aludiu, no acto, á xenerosidade feminina e mencionou "a débeda pendente de todos coa parte máis xenerosa da sociedade, que sempre foron e seguen sendo as mulleres". "Mulleres xenerosas porque sen querer renunciar a nada son a tempo completo traballadoras e nais de familia, mulleres xenerosas porque pon o seu talento ao servizo da ciencia, da empresa, da educación, para construír unha Galicia de progreso, a Galicia con maior progreso que nunca gozamos que é a Galicia de hoxe", dixo.
O presidente da Xunta sostivo que a voz das mulleres "leva décadas rompendo o silencio para reclamar o espazo que lle corresponde na sociedade, a convivencia en igualdade plena entre mulleres e homes".
A secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Susana López Abella, foi a encargada de abrir o acto institucional e destacou que a día de hoxe persisten "importantes disparidades e brechas de xénero en moitos ámbitos", principalmente na vida persoal e na proxección laboral e profesional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario