mércores, 1 de outubro de 2014

O CEIP Bergantiños recibe profesor de relixión pero non un especialista en pedagoxía terapéutica

Na Costa da Morte son varios os colexios con deficiencias e falta de recursos neste comezo de curso.

Novas queixas dos centros de ensino. Desta volta, da Comarca da Costa da Morte polos recortes no marco da #LOMCE neste comezo de curso. En Laxe, por exemplo, teñen importantes necesidades de persoal docente e, en Carballo, a Asociación de Nais e Pais A Granxa do CEIP Bergantiños alza a voz para criticar que a Consellería de Educación non ten sequera respostado ás súas demandas.
 
Nun comunicado, a AMPA quere manifestar a súa “máis fonda carraxe” ao ter coñecemento de que o centro vai ser dotado dunha persoa máis para impartir clases de relixión católica mentres non se cobren as necesidades do alumnado que precisa apoio por parte de especialistas en Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe.
 
”Ao noso entender quedan claras as prioridades da Consellería á hora de educar ás nosas fillas e fillos, aínda que estamos convencidos de que con rezos e plegarias non van mellorar as capacidades dos nenos e nenas”, denuncian. Anuncian que en breve realizarán unha asemblea e este será un dos puntos a tratar.
 
Nova do medio colaborador Que Pasa Na Costa

Ningún comentario:

Publicar un comentario