Na rolda de prensa fíxose saber, entre outras cousas, que a Revista Céltiga (Revista Gallega de Arte, Critica, Literatura y Actualidades) está a cumprir o seu noventa aniversario, contando dende o intre en que saíu do prelo o primeiro número (en 1924 en Bos Aires). Tamén se informou que o proceso de dixitalización non se limitou aos artigos ou números máis relevantes, senón que atinxiu a toda a colección, un total de 182 números. Segundo lembrou na sede do CCG o seu presidente, Ramón Villares, “estamos perante un outeiro excelente para coñecer a Galicia daquel tempo, non só a Galicia europea senón tamén a Galicia americana”. Ademais, engadiu, trátase sen dúbida dunha das publicacións máis sobranceiras que deu a nosa emigración, a máis lonxeva, acubillo durante anos das contribucións de boa parte dos nosos máis salientábeis escritores, artistas ou xornalistas. Xente como Eduardo Blanco Amor, Castelao, Maside, Suárez Couto, Asorey ou Ksado, aos que cómpre engadir as contribucións dos principais impulsores de Céltiga, que son Blanco Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo.
Na presentación dos traballos de dixitalización tamén participaron Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, director do CSIC, Luis Alonso Girgado, investigador do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, Margarita Ledo, arquiveira-bibliotecaria da Real Academia Galega, Julio Souto, vicepresidente da Fundación Penzol, Pablo Rodríguez, libreiro e contacto coa familia de Eliseo Pulpeiro e máis María Isabel Casal Reyes, directora da Biblioteca Xeral da USC. Esta última tivo palabras para valorar moi positivamente as importantes achegas das novas tecnoloxías da información para os centros de coñecemento como o que ela mesma dirixe, tanto no eido da preservación cultural como no da divulgación. As TIC, dixo, teñen a dupla vantaxe de conservar e democratizar. E engadiu: “Como poderiamos unha boa parte dos galegos, doutro xeito, termos un acceso tan directo a un patrimonio cultural como este cuxa dixitalización estamos a presentar?”.
Pola súa parte, Pablo Rodríguez, unha das persoas que máis traballou a prol da posta en valor deste legado cultural, lembrou que o seu contacto cos números da revista remóntase a moitos anos atrás, sendo unha das súas lecturas principais durante a nenez (a súa familia tiña vencellos moi estreitos coa emigración). Na súa opinión, a dixitalización de Céltiga devólvenos aos galegos parte da nosa historia, e ademais coa vantaxe de que poderemos ter acceso a ela dende múltiples fontes en liña e dende calquera lugar. Tamén salientou o labor de dixitalización en si mesmo, non só polas complexidades propias de tratar documentos nos que o tempo xa deixou pegada, senón tamén polo importante esforzo despregado para concentrar o que permanecía disperso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario