mércores, 1 de outubro de 2014

A CIG-Ensino convoca mobilizacións diante das Xefaturas Territoriais de Educación da Coruña e Pontevedra pola súa actitude “intimidatoria” contra o profesorado

Acordou presentar un recurso cotra a adxudicación de profesorado provisional “porque non se están cubrindo todos os catálogos de centros que están publicados”.


Tras 20 días de comezo de curso en Infantil e Primaria e 15 en Secundaria persisten os recortes e seguen sen cubrirse as necesidades máis imperiosas dos centros, fundamentalmente as súas demandas de profesorado. Fronte a isto, e no canto de atender a esas necesidades, a CIG-Ensino denunciou este martes, en rolda de prensa, a actitude “intimidatoria” das Xefaturas Territoriais da Coruña e Pontevedra contra estes centros, mesmo utilizando a páxina web da consellaría para os desprestixiar. Por iso ten convocado unha mobilización diante de ambas as dúas para mañá mércores ás 11:15 horas.
Os cadros de persoal de Infantil e Primaria están fixados por unha Orde que se publicou no DOG do ano 2010. Malia isto, a CIG-Ensino denuncia que este ano, e incumprindo a súa propia  Orde, a consellaría négase a cubrilos, o que está a provocar que neste momento haxa mobilizacións e conflitos en múltiples centros.  Aínda que a problemática afecta a centros en toda Galiza, é especialmente grave no caso da provincia de Pontevedra e en concreto nas comarcas do Baixo Miño e de Vigo.
Marta Dacosta, membro da Executiva da CIG-Ensino, acusa á Xefatura Territorial de Pontevedra de desatender as demandas de profesorado de centros como o CPI Suárez Marquier do Rosal; o CI Feliciano Barrera en Ponteareas; o CEIP de Barrantes en Tomiño; o CEIP de Abelendo e da Escola de Educación infantil de Berducedo en Moaña. “A todos fáltalles un profesor ou profesora que lles corresponde por catálogo”, afirma.
Ante esta situación, a CIG-Ensino decidiu presentar un recurso cotra a adxudicación de profesorado provisional “porque non se están cubrindo todos os catálogos de centros que están publicados”. Ademais en dous casos, no do CPI Suárez Marquier, ao que lle falta o segundo profesor de Educación Física, e do CI Feliciano Barreras, ao que lle falta o cuarto profesor/a de Educación infantil con Inglés están co mobilizacións nas que xunto co profesorado está implicada o conxunto da comunidade educativa .
 Xunto a estes, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegurou que neste principio de curso foron preto de 200 os centros que non viron satisfeitas as súas demandas de profesorado. Louzao  denunciou  que a consellaría está a castigar “con máis contundencia a aquel alumnado que máis o necesita e que precisa reforzo educativo ou que ten necesidades educativas especiais”, porque, en lugar de dotar de profesorado a tempo completo de PTAL o que fai é compartilo entre centros, na maioría dos casos. Do mesmo xeito sinalou que hai numeroso centros que se viron  imposibilitados a ter este profesorado ou orientador/a ou ben comparten profesorado, unha situación que afecta a unha morea de centros de todo o país.
Louzao puxo tamén exemplos concretos de centros nos que se están incumprindo compromisos adquiridos, como é o caso do centro Vales de Villamarín de Betanzos, onde se creou un centro novo que sería independente do existente, pero que finalmente foi anexionado ao que xa había, ficando relegado a aulario e con máis de 1.000 alumnos en total e 2 edificios que están a unha distancia de 500 metros.
O mesmo ocorre co novo centro de Sigüeiro que xa está a funcionar e no que a ANPA tivo que asumir a xestión do comedor escolar. “Antes había un centro,  agora hai dous  pero entre ambos teñen  menos profesorado do que tiña antes un só”, denunciou Louzao. O secretario nacional da CIG-Ensino lembrou tamén que a falta de profesorado está a provocar a dimisión de equipos directivos como o do IES Vilar Ponte e actuacións nas que en lugar de substituír ao conserxe como no caso do Camiño de Santiago de O Pino, o que fan é pór uno a tempo parcial por catro horas nun horario que abrangue das oito e media da mañá ás dúas e media da tarde, con comedor e actividades extraescolares.
Actitude das Xefaturas TerritoriaisFronte esta situación a CIG-Ensino denuncia que en lugar de pór os medos para resolver os problemas, as xefaturas territoriais de Pontevedra e A Coruña están a manter unha actitude intimidatoria. “Actitude que vén dada por un uso perverso da páxina web da consellaría que está a servir só atacar aos centros que se mobilizan en demanda profesorado”, asegurou Louzao quen engadiu que “a propia consellaría usa a páxina web para atacalos e difamalos. Víñao facendo até o de agora coa CIG-Ensino pero neste momento tamén ataca a estes centros, co obxectivo de amedrentar e de manipulara  información para enganar á opinión pública”. Para o secretario nacional da CIG-Ensino,  estamos ante unha táctica da consellaría coa que pretende “agochar a súa inoperancia desprestixiando o profesorado”.Pero estes non son os únicos problemas que acompañaron este comezo de curso. A Louzao denuncia que son moitas as unidades que superan as rateos estabelecidas, porque a administración non está disposta a desdobralas aínda que superen o número máximo de alumnos, e danse casos de agrupamentos de alumnado, nun mesmo curso, de distintos niveis e idades.A CIG-Ensino tamén ten constatado como os perfís adxudicados ao profesorado non teñen que ver co solicitado, mesmo para o profesorado que está suprimido ou desprazado. “Tamén comprobamos que unha vez que se fixo a adxudicación definitiva do profesorado provisional apareceron interinidades que non foran ofertadas ao profesorado inicialmente”.

Aplicación da LOMCE

E se estes problemas non foran abondo, o inicio do curso evidenciou ademais, para a CIG-Ensino, o “despropósito” da aplicación da LOMCE e as negativas consecuencias que está tendo. Louzao lembrou que a consellaría publicou o mesmo días que se iniciaba o curso os currículos cos obxectivos que hai que conseguir nas etapas de Primaria e de Formación Profesional Básica. Porén, afirmou “neste intre nin sequera hai unha Orde ou norma que estabeleza como ten que ser o funcionamento coa situación que se dá ao convivir os dous sistemas educativos: a LOE e a LOMCE”.Ao seu entender, “isto supón un quebranto e un desaxuste no funcionamento dos centros que se está solventando co criterio e a responsabilidade do profesorado”, unha situación que, en todo caso cualificou de “irresponsábel” por parte da consellaría á que “o único que lle interesa é atender os ditados que lle veñen de Madrid e ser submisa aínda que supoña cargar sobre as costas do profesorado toda a súa improvisación”.
Respecto da FP Básica que supostamente substitúe os programas de cualificación profesional e que porén “está afondando nas desigualdades sociais e está a ser un elemento de discriminación e marxinación”, xa que se imparten exclusivamente en 87 concellos de Galiza, impedindo o acceso ao alumnado do ámbito rural que nin sequera dispón de transporte para poder cursar este nivel educativo.


Paga extra

Respecto das retribucións do profesorado, Louzao denunciou que leva perdido o 20% do seu salario desde o ano 2010, no que se lle reduciu nun promedio do 7% e se conxelou esta redución até o día de hoxe coa previsión de que se manteña tamén para o ano 2015. Louzao desenmascarou ademais a Feijóo afirmando que o profesorado galego non vai recuperar a paga extra do ano 2012 “o único que se anunciou é o cobro dun 25% que corresponde á cantidade que os xulgando a están obrigando a pagar” dixo. A isto engadiu que “pretenden que continuemos a percibir o 60% das pagas extra para o ano 2015, ao igual que ocorreu nos anos 2013 e 2014”.
O secretario nacional da CIG-Ensino valorou ademais como totalmente insuficiente o anuncio de limitar a oferta de emprego ao 50% da taxa de reposición de efectivos cando nos últimos anos, producíndose máis de 4.000 xubilacións, só se convocaron 1.600 prazas. “Como mínimo as ofertas deberan abranguer o 100% das vacantes que se produzan”. Non esqueceu denunciar a “hipocrisía e o cinismo” do Secretario Xeral de Política Lingüística ao que alcumou de “caradura” por dicir que o Plan Xeral de Normalización Lingüística está vixente, cando foi dinamitado polo Decreto de Plurilingüismo e ningunha das propostas del emanadas se están a levar cabo.

Accións a desenvolver

Diante desta situación, ademais das mobilizacións que se desenvolverán este mércores e da presentación dun recurso contra a adxudicación de profesorado provisional, a CIG-Ensino promoverá pronunciamentos dos claustros de profesores para denunciar os recortes e actuación da consellaría. Xunto a isto continúa coa campaña de recollida de sinaturas para a ILP para a restitución dos dereitos laborais e retributivos do profesorado, xunto con propostas para mellorar a calidade do ensino e cubrir as necesidades dos centros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario