venres, 3 de xullo de 2015

CCOO denuncia as restricións a que somete a Administración as materias optativas no Decreto de currículo de ESO e bacharelato

  • Determinadas materias só poderá cursalas quen as escollera como troncais de opción

A Federación do Ensino de CCOO de Galicia denuncia as restricións a que somete a Administración as materias optativas no Decreto 86/2015, de currículo de ESO e bacharelato, que se publicou no 'Diario Oficial de Galicia' esta semana. O decreto modifica os proxectos anteriores e restrinxe a optatividade de determinadas materias a un dos itinerarios que pode escoller o alumnado.

Segundo CCOO, determinadas materias, como Tecnoloxía en ESO ou Debuxo técnico e Historia da Filosofía no bacharelato, unicamente poderá cursalas quen as escollera como troncais de opción. Isto deixa sen posibilidade de cursalas os alumnos e alumnas doutros itinerarios. CCOO-Ensino denuncia que esta restrición non existía en borradores anteriores do decreto e critica unha limitación que «parcela» os ámbitos de coñecemento.

O sindicato xa pediu tanto na mesa sectorial como a través do Consello Escolar de Galicia que se corrixa a situación.

Alternativas á Relixión católica

Por outra parte, CCOO tamén pediu que, ademais da Relixión católica, se oferten outras materias de opción coa duración dunha hora lectiva. No caso contrario, as alumnas ou alumnos que escollan dúas materias con horario impar só poderán optar pola Relixión para completar as seis horas en 1.º de Bacharelato ou as oito horas en 2.º

Ningún comentario:

Publicar un comentario