Pilar García Negro: “Toda esta riqueza, toda esta entrega patriótica, unha obra proteica e densa de máis de trinta anos da súa vida, merecen ser coñecidas, xulgadas e interpretadas polos seus descendentes, por nós, as galegas e galegos de hoxe”
O obxecto da ILP era “impulsar as actividades a desenvolver pola Xunta de Galiza para difundir e pór en valor a obra e figura de Castelao”, incluíndo accións polos poderes públicos como a catalogación de toda a súa obra, a procura de acordos ou convenios de cesión da súa obra cos diferentes proprietarios; a definición dun espazo museístico apropriado para a exposición da súa obra; a introdución de forma transversal da súa obra no sistema educativo; o espallamento a través do audiovisual; ou a dixitalización e posta en coñecemento a través de internet. Ademais propuña o traslado a Galiza desde Buenos Aires do cuadro “A derradeira lección do mestre”actualmente en condicións de inaccesibilidade, para ser contemplado coas debidas grantías de protección e seguridade.
A proposición de Lei foi defendida na cámara pola presidenta da federación de asociación culturais Galiza Cultura, Pilar García Negro que foi acompañada desde a tribuna de convidados por representantes da Comisión Promotora, da CIG-Ensino, AS-PG, Fundación Castelao, A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto con asociacións culturais como Vagalumes da Estrada ou O Galo de Santiago.
Pilar García Negro lembrou na súa intervención que Castelao” foi un dos primeiros socios das Irmandades da Fala, cuxo centenario celebraremos o ano próximo”. Ademais do artista polifacético no debuxo, na ilustración, na pintura de grande formato, nas estampas e viñetas, como escritor profisional, lembrou tamén o pensador “que compón ese libro de libros que é Sempre en Galiza, onde se concentran as razóns do noso devir histórico, da restauración da nosa conciencia como galegos e do dereito a un futuro como povo”.
Lembrou tamén García Negro que Castelao “se preocupou de resgatar o Estatuto plebiscitado no 28 de Xuño de 1936 e que conseguiu que tomase estado parlamentar na sesión de Cortes celebrada en Montserrat o 1º de Febreiro de 1938”. “Grazas a aquela xestión, señorías, existen este Parlamento ou a propria Xunta na actualidade” afirmou a presidenta de Galiza Cultura.
Para García Negro “Toda esta riqueza, toda esta entrega patriótica, unha obra proteica e densa de máis de trinta anos da súa vida, merecen ser coñecidas, xulgadas e interpretadas polos seus descendentes, por nós, as galegas e galegos de hoxe, pois é unha obra cargada de futuro, que nos interpela a cada paso nos grandes conflitos do noso tempo”.
Por tiodo iso pediu “que a Xunta de Galiza se implique na catalogación e difusión de toda a súa produción artística, que acada miles de pezas; que ela, esta obra, dispoña dun espazo de dimensións e natureza adecuadas á súa contemplación integral; que poda vir á Galiza o seu lenzo “A derradeira lección do mestre”, recluído en Buenos Aires; que no ensino, e de forma transversal, se estude e difunda a súa figura en toda a súa riqueza e fecundidade; que os meios de comunicación de titularidade pública, así como todas as vías posíbeis de difusión nas redes sociais, atendan á divulgación da súa obra; que se proceda a concertar todas as partes -persoas e institucións- para restaurar e sinalizar os espazos relacionados coa vida de Castelao”, para sinalar a continuación que a dedicación apra 2016 de Castqalao como figura homanxeada no Día da Arte Galega a instancias da Real Academia de Belas Artes, sería una moi boa oportunidade para celebrar Castelao con feitos e “non só con reverencias caducábeis”.
A portavoz da Comisión Promotora insistíu en que se Castelao “non debe ser “patrimonializado” por ninguén, como adoito se repetiu, dése a coñecer, difúndase masivamente sen censuras, permítase valoralo e xulgalo libremente, como fan decote as culturas que se estiman a si mesmas e interactúan constantemente cos seus vultos principais”.
A ILP contou co voto favorábel do Grupo Mixto, BNG, AGE, e PSdG-PSOE mais finalmente non puido continuar ante a negativa do Partido Popular a que a Xunta tome responsabilidade na obra de Castelao para difundila e pola a disposición do pobo galego xa que, segundo o seu portavoz Agustín Baamonde, “non se pode difundir por lei o pensamento de ninguén”
Ningún comentario:
Publicar un comentario