A Modern Language Association celebrará en Austin un novo encontro no que se debatirá sobre Galicia e Portugal, a globalización ou materiais de lectura en galego.
O galego volve ser o centro de estudo da Modern Language Association,
logo de que en 2014 esta corporación académica norteamericana, que fixa
o estándar de investigación no ámbito das linguas, literaturas e
culturas, aprobara un capítulo para a lingua propia de Galicia.
Tras este feito histórico, esta entidade reúne a distintos
especialistas de distintas universidades de EE.UU. para debater sobre a
cultura e a lingua de Galicia. Será en xaneiro en Austin, Texas. No
congreso haberá catro sesións; a primeira sobre o diálogo a través do Miño entre Galicia e Portugal;
a segunda sobre traducións, bilingüismo e glocalización; a terceira
sobre o rexurdimento e a produción literaria en español; e a cuarta e
última sobre materiais de lectura en galego. En total terán lugar 13
relatorios impartidos por outros tantos estudosos da cultura galega.
Algunhas destas mesas serán coordinadas polo profesor da Universidade de Wisconsin, Gabriel Rei-Doval,
un dos principais impulsores de que o galego fora considerado dentro da
Modern Language Association. Tamén participarán outros destacados
investigadores como Neil Anderson, Alejandro Alonso, Brando Rigby,
Robert Patric Newcomb ou Danny Barretto. A cita será do 7 ó 10 de
xaneiro.
Foi o 13 de novembro de 2014 cando a Modern Language Association (MLA), a través da súa Directora Executiva, Rosemary G. Feal,
fixo pública a aprobación definitiva do Foro Galician Language,
Literature and Culture (LLC) no seo da súa organización, destacando así
mesmo que “the creation of a forum on Galician studies represents an
important addition to the MLA forum structure”. Con esta decisión, a
lingua, literatura e cultura galegas acabaron integrados no organigrama
da MLA, en pé de igualdade coas demais linguas, literaturas e culturas
do mundo, listada por cuestións alfabéticas entre French e German.
Ningún comentario:
Publicar un comentario