O conxunto das partidas de gasto das novas contas públicas suman 10.037,6 millóns, o que supón que o Goberno galego manexará uns 500 millóns de euros máis que neste 2015. Dentro dese montante total inclúense 3.546,6 millóns de euros para sanidade e 2.404,5, o que implica un incremento, respectivamente de 139 e 100 millóns de euros a respecto dos anteriores orzamentos. No entanto, as políticas sanitarias aínda están dotadas con 236,7 millóns de euros menos que en 2009, e as educativas dispoñen de 256,3 millóns menos. En total, 493 millóns menos.
As áreas sanitaria e educativa terán 239 millóns máis que en 2015, pero 493 menos que en 2009No resto de partidas que poden ser incluídas no ámbito social destaca o incremento de Acción Social nun 70 millóns de euros, o que a deixa por riba tamén do ano 2009. Mentres, a cooperación para o desenvolvemento queda, con 4,2 millóns de euros, practicamente como estaba, vivenda medra 4 millóns, ata os 74,9, emprego pasa de 193 a 209 millóns e o apartado de "outros servizos sociais" retrocede de 104 a 100 millóns. Así as cousas, o conxunto de partidas sociais gañan 329 millóns de euros a respecto de 2015, pero fican 727 millóns por baixo dos Orzamentos de 2009.
Alén do ámbito social, porcentualmente da trintena de partidas funcionais nas que se divide o orzamento unicamente sete fican fóra dos incrementos que, con todo, son dispares. Así, ámbitos como a pesca e a industria gañan máis dun 50% con relación ao ano anterior e Administración Local e Actuacións ambientais avanzan máis dun 25%. Mentres, noutras áreas o incremento é menor, caso por exemplo da I+D+i, que gaña un 6%, ou da normalización lingüística, que tras perder case o 70% da súa dotación nos últimos anos é incrementada desta volta en apenas 16.000 euros, pouco máis do 1%.
A respecto de 2015 as funcións que máis medran son Industria e Pesca, pero con relación a 2009 a máis ampliada é a de débeda pública, que en 2016 volve aumentarA respecto das contas de 2009, as herdadas polo actual Executivo de mans do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, a relación de subas e baixas muda notablemente. Os incrementos seguen a estar claramente liderados pola débeda pública, partida que neste ano chega aos 1.598 millóns de euros, 83 máis que en 2015, e que xa é un 300% máis alta que hai media década. Coas novas dotacións as funcións de industria, acción social, xustiza e Administración local teñen máis fondos que co bipartito, mentres que todas as demais seguen a ter menos. Porcentualmente, os maiores retrocesos acumulados son as transferencias aos concellos (-87%), ordenación do territorio (-69%) e normalización lingüística (-68%).
Xunto ao conxunto de partidas orzamentarias habituais o Goberno galego incorpora tamén para 2016 os fondos que financiarás as eleccións ao Parlamento de Galicia, cunha dotación de 7,9 millóns de euros. Isto supón que, se non son agregados máis fondos, as eleccións contarán con 2 millóns menos que as de 2012.
Ningún comentario:
Publicar un comentario