O cambio de hora deste domingo volve traer a debate o fuso horario que lle acae a Galiza. Unha decisión do ditador para agradar a Hitler tirou o Estado español do horario que lle correspondía e prexudicou moi especialmente o noso país, ao que lle acae un fuso diferente do español.
Este domingo, cando sexan as 3 da madrugada hai que retrasar os reloxios até as dúas. Un cambio de hora que volve pór sobre a mesa a cuestión de se na Galiza vivimos na hora que por posición xeográfica nos corresponde e se non deberiamos ir cara a un cambio de fuso horario. Sería unha vantaxe ou non? Gañariamos ou perderiamos? Por que vivimos as e os galegos fóra de hora?O establecemento do actual sistema para situar os 24 fusos horarios do planeta xurdiu a finais do XIX da necesidade de 'estandarizar' a hora civil e a hora solar. Un escocés, o enxeñeiro Sanford Fleming, foi quen propuxo a idea e, após anos de debate, na Conferencia Internacional do Meridiano (Washington, 1884), os 25 estados asistentes decidiron que o Meridiano Cero, que serviría de base para establecer todas as horas do planeta, fose o de Greenwich. Asignóuselle o fuso horario cero e a hora coñécese como GMT (tempo medio de Greenwich), desde a que se suman horas en dirección leste e oeste. O Estado español adoptou o horario de Greenwich até 1940, cando Franco decidiu que se ía aplicar a hora de Berlín para satisfacer a Hitler. Desta maneira, o Estado Español deixou de ter o horario que lle correspondía segundo a súa posición solar. Oito décadas despois, aquela decisión de Franco, que se tomou de maneira provisional, continúa vixente.
Galiza ten que ter a hora que lle sexa acaída, pois atópase en GMT-1 e a hora dos nosos reloxios é GMT+1 ( 2 horas máis do que é a nosa hora solar)“Que opinarían os alemáns se lles explicamos que no 2015 no Estado español temos esta hora porque un ditador decidiuno así para agradar a Hitler?”. Quen fai a pregunta é Lito Prado, ecoloxista, activista e militante de Anova. Mais Prado, en 2006, militaba no BNG e foi o responsábel da emenda aprobada pola Asemblea Nacional da fronte naquel ano na que se reclamaba un cambio horario para Galiza. Prado lembra que o BNG “foi a única organización” que levou este tema máis dunha vez ás Cortes españolas, “marcando tendencia, abrindo un debate ao que posteriarmente se sumaron moitos no Estado”.
Por que?
Lito Prado afirma que Galiza ten que ter a hora que lle sexa acaída, pois atópase en GMT-1 e a hora dos nosos reloxios é GMT+1 (2 horas máis do que é a nosa hora solar). Non é, afirma, un debate novo. “No movemento ecolocista xa se falaba destas cousas a finais da década dos 80, era unha cuestión asumida”, explica Prado, que recoñece que lle “estrañou” que “este debate tardase tanto en entrar no eido político”. Este activista di que é perfectamente posibel e viábel que Galiza estea no seu fuso horario acaído, malia que este non sexa o do resto do Estado español. “En Estados Unidos teñen 6 fusos horarios, en Australia hai varios....”. Insiste en que a razón para demandar isto para Galiza é por pura “lóxica” e que o que non é “lóxico” é manter un horario adoptada no franquismo, que non é razoábel.
Tres vantaxes para Galiza dun cambio de hora? A racionalización dos horarios (as doce do medio día do reloxio coincidirían coas doce do día), o aforro enerxético (“unha cuestión que cada vez é máis importante”) e adaptar os nosos bio-ritmos á dinámica do día e das horas de luz.
Prado engade que dar o paso “é relativamente doado, é unha decisión política” e que a xente “entende perfectamente o cambio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario