xoves, 22 de outubro de 2015

Unha aplicación de móbil galega para salvar vidas

Enxeñeiros de Vigo gañan a fase rexional do concurso europeo navegación satélite.

Un equipo de dez enxeñeiros de telecomunicacións da Universidade de Vigo capitaneados por Alberto González gañou o primeiro premio rexional do concurso europeo de navegación por satélite ESNC 2015.
 
Segundo informaron os seus promotores nun comunicado, o 'Point and pin' é unha aplicación para móbiles que permite enviar aos servizos de emerxencia unha foto coa localización exacta dun accidente ou calquera outro desastre remoto como un lume.
 
Mediante o receptor GPS e sistemas de aumentación como EGNOS, utiliza a cámara de fotos e os sensores do móbil para obter a localización exacta dun punto remoto.
 
Con este premio rexional do Galileo Masters, convocado por Zona Franca de Vigo, o equipo gañador terá á súa disposición un programa de incubación de doce meses nun dos centros de iniciativas empresariais de Zona Franca de Vigo, onde recibirá a asistencia necesaria para pór en marcha a súa idea de negocio.
 
Tamén poderá desenvolver a súa empresa co acceso a capital, capacitación a través dunha rede de mentores, apoio de infraestrutura e consultoría intensiva.
 
O segundo e terceiro premios da fase galega foron para unha aplicación para o navegador do coche que avisa do estado da estrada a un quilómetro vista e noutra que sitúa ao bombeiro en canto activa o seu equipo de comunicacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario