venres, 9 de outubro de 2015

A INVESTIGADORA MÓNICA PORTELA, MELLOR TRAXECTORIA ACADÉMICA EN TELECOMUNICACIÓN A NIVEL ESTATAL

A enxeñeira galega Mónica Portela vén de ser galardoada co Premio Astellia á Mellor Traxectoria Académica en Enxeñaría de Telecomunicación, recoñecemento concedido polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (España) e pola Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación. Segundo fai saber a Universidade de Vigo, onde Portela é investigadora (no Grupo de Sistemas de Radio), estamos perante un galardón concedido a nivel estatal que recoñece o traballo realizado pola enxeñeira durante os seus anos de carreira. Sobre o significado deste premio, Mónica sinala que se trata de algo positivo pero láiase de que “moita xente non se presente a estas convocatorias por descoñecemento”. Segundo recorda, o premio ten unha dotación económica de 1.000 euros. 
Porén, este que lle acaban de conceder non é o primeiro premio que recoñece o seu esforzo académico. Segundo lembra a Universidade de Vigo, foi distinguida co Premio Fin de Carreira da Xunta de Galicia en 2013 pola enxeñaría técnica (este novo galardón corresponde á enxeñaría superior). Como dixemos, Mónica traballa a día de hoxe no Grupo de Sistemas Radio. Está ligada á vertente de I+D do proxecto Táctica do centro de investigación AtlantTIC, “potenciando o polo de xeración e transferencia de coñecemento TIC creado en Galicia arredor da EE de Telecomunicación”. 
Sinalar que a devandita convocatoria de premios abrangue os galardóns ás mellores traxectorias académicas, as distincións aos mellores proxectos fin de carreira e de mestrado e os recoñecementos ás mellores teses de doutoramento... en total 33 distincións. Na modalidade de traxectoria outorgáronse nove premios, incluíndo a da enxeñeira viguesa, das cales sete corresponden a homes e dúas a mulleres, todos eles estudantes de universidades públicas do estado. 
Os galardóns contan co patrocinio de empresas ou entidades en cada unha das súas modalidades, e un destes respaldos é o do centro de investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación AtlantTIC, impulsado por la Universidade de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario