Pexego, Wireless Galicia, Tagen Ata ou Librebit son empresas galegas de software libre que dende hai anos veñen emprestando distintos servizos relacionados coa aprendizaxe en liña, ou ofrecendo solucións para a mellora do funcionamento das aulas e de proxectos educativos. E, por suposto, hai que ter presente sempre a importancia do proxecto Abalar, unha iniciativa desenvolvida por AGASOL en colaboración coa Xunta, que supuxo xa hai uns anos o inicio da alfabetización integral en TIC nas aulas galegas. Hoxe, plenamente consolidada e implantada en todos os centros, converteuse nun referente internacional como ferramenta para a mellora do funcionamento do ensino e como forma de interacción coa tecnoloxía por parte dos e das estudantes máis novas.
Solucións para o ensino no rural
Neste senso, no marco da LibreCon poderemos coñecer de preto un proxecto moi interesante e que busca achegar solucións para o ensino na zona rural a través das tecnoloxías abertas: RuralSchoolCloud. O Centro de Supercomputación de Galicia traballa dende o 2010 nunha liña de investigación educativa da análise das potencialidades da computación cloud e o software libre para mellorar a forma de traballar, colaborar, ensinar e aprender nas pequenas escolas rurais ou illadas. María José Rodriguez Malmierca e Diego Nieto (CESGA) exporán todos os detalles sobre a iniciativa..Inicialmente, experimentouse nun Colexio Rural Agrupado (CRA) de Boqueixón e Vedra para estendelo despois, dentro do proxecto Rede de Escolas na Nube, a 4 CRAs, que contan con 23 escolas rurais, xunto coa empresa Balidea Consulting & Programming e o apoio da Xunta (AMTEGA e Consellería de Educación). O proxecto foi despregado xa este curso na infraestrutura da Consellaría e dá soporte aos CRAs galegos, o que supón "un éxito na transferencia de innovación educativa á sociedade", destacan os seus responsables. Formación de mestres, educación a distancia para estudantes illado, aprendizaxe en grupo ou a aprendizaxe de idiomas con outras escolas de diferentes países, son algúns dos servizos que puideron mellorar grazas á aplicación das novas tecnoloxías.
Na actualidade, o CESGA lidera RuralSchoolCloud, un novo proxecto educativo financiado pola Unión Europea, con 7 socios de 6 países, destinado a proporcionar unha solución TIC adaptada para as escolas rurais e dispersas en Europa, baseándose no uso de computación na nube, software aberto, e metodoloxías para fomentar as habilidades necesarias na aprendizaxe e colaboración no S. XXI. Todo o software e ferramentas utilizadas son libres (eyeos, Owncloud, PHP, MySQL, Opennebula...).
O CESGA lidera RuralSchoolCloud, un novo proxecto educativo financiado pola UE, con 7 socios de 6 países, destinado a proporcionar unha solución TIC adaptada para as escolas rurais e dispersas en EuropaOs CRAs de Boqueixón – Vedra, Vilaboa, Amencer e Nosa Señora do Faro son os centros galegos que participan na iniciativa, xunto con escolas de Italia, Macedonia, Grecia, Dinamarca e Reino Unido. Os seus responsables destacan que máis de 14,4 millóns de nenos e nenas viven en áreas rurais en Europa, recibindo na súa contorna o ensino obrigatorio. "Manter os nenos nas escolas locais, polo menos na escolarización temperá, asegura unha conexión necesaria entre os nenos e as súas comunidades de orixe e axudar a manter as comunidades rurais viva e vibrante. Este tipo de escola, con todo, esixe un esforzo orzamentario especial das administracións educativas", sinalan. No proxecto téntase ofrecer tamén unha comunidade de aprendizaxe activa das TIC baseada para profesores rurais, "o que axudará a desenvolver as competencias do profesorado e aplicar metodoloxías adecuadas".
O Edupunk e o ensino como hacklab
O Edupunk é un dos conceptos que estarán presentes no encontro. Define o conxunto de prácticas de ensino e aprendizaxe resultantes dunha actitude "Fágao vostede mesmo", ensino e aprendizaxe "inventivos" que deron lugar a multitude de aplicacións e proxectos. O Edupunk xurdiu como unha reacción aos intentos institucionais e empresariais de enmarcar tecnoloxías emerxentes en produtos estandarizados, con comportamentos predefinidos.Jim Groom, creador do concepto de Edupunk, defenderá en Compostela as redes abertas e o empoderamento dos cidadáns na webO termo foi enunciado por vez primeira por Jim Groom en 2008 no seu blog. Groom, director da división de tecnoloxías de ensino e aprendizaxe na Universidade de Mary Washington, estará en Compostela esta semana para falar sobre as relacións entre Edupunk e Tecnoloxía. No seu relatorio, Groom exporá un plan para reimaxinar como darlle o poder ao individuo na web reclamando a liberdade para redes abertas e distribuídas na web, defendendo o Edupunk como "unha vía para a resistencia ao complexo militar, consumidor e industrial" que "erosiona" a infraestrutura da web aberta, "un problema á vez cultural e tecnolóxico que debemos afrontar".
Pola súa banda, Mikel Arbiza (Centro de Estudios AEG Ikastetxea) defenderá no seu relatorio a escola como hacklab, sinalando que "as escolas do século XXI deben pasar das simulacións ao traballo colaborativo en base a proxectos que axuden a resolver problemas que acheguen valor social e económico á nosa sociedade". Para Arbiza, "a filosofía hacker é un exemplo a seguir nesta revolución educativa tan esperada por moitos docentes e alumnos e alumnas". Mentres, Beka Iglesias falará sobre "Transdisciplinaridade na educación: tecnoloxía, ciencia, estética e prototipado", incidindo en "como se retroalimentan as tecnoloxías libres, a ciencia aberta e a arte transdisciplinar dentro dunha cultura colaborativa do rigor, o compromiso e a produción" e en "como atravesa a práctica de comunidade e de laboratorio todas estas interseccións". Iglesias fará un repaso de diferentes experiencias e prácticas internacionais sobre estas cuestións.
Mikel Arbiza: "As escolas do século XXI deben pasar das simulacións ao traballo colaborativo en base a proxectos que axuden a resolver problemas que acheguen valor social e económico á nosa sociedade"
Ningún comentario:
Publicar un comentario