A Fundación
CEL – Iniciativas por Lugo e a Deputación
Provincial presentaron hoxe o Proxecto Emprendedores, un programa
de divulgación e formación que abranguerá diferentes accións para
o fomento da vocación emprendedora na provincia. A iniciativa foi
dada a coñecer no viveiro de empresas da cidade galega polos
presidentes de ámbalas entidades, Luís García Santalla e Darío
Campos Conde, respectivamente, que estiveron acompañados polo
director IES Muralla Romana, José Antonio Corredoira. Entre outras
cousas, salientaron que o programa comezará achegando formación a
máis dun milleiro de alumnas e alumnos.
Máis polo miúdo, ao
abeiro do proxecto organizaranse 24 xornadas presenciais de
“sensibilización, motivación e difusión da cultura
emprendedora”, nas que participarán un total de 1.200 alumnos
dunha vintena de centros educativos (institutos e centros de
formación profesional) situados nas zonas norte, centro e sur da
provincia de Lugo. Tamén haberá accións formativas gratuítas
orientadas a todo tipo de persoas interesadas en crear unha empresa,
sobre cuestións como a Actitude Emprendedora e Oportunidades de
Negocio e Xestión da Prevención de Riscos Laborais en
Pequenos Negocios. Esta segunda parte do proxecto, que se
executará vía teleformación, está dotada cun total de 140 prazas.
O presidente da Fundación
CEL, Luís García Santalla, salientou no acto de presentación que o
Proxecto Emprendedores nace “do convencemento da fundación de que
é preciso plantar a semente da vocación emprendedora xa no sistema
educativo, orientando desde fases temperás a futuros empresarios,
dando alas ás súas ideas e sinalándolles o camiño a seguir”.
Engadiu que “o espírito emprendedor é sen ningunha dúbida un dos
principais motores de innovación, competitividade e crecemento da
economía dun país”.
Pola súa banda, o
presidente da Deputación, Darío Campos Conde, destacou que “é
unha satisfacción continuar con esta iniciativa empezada por Gómez
Besteiro, porque aposto polo autoemprego como ferramenta para acceder
a un posto de traballo, promovendo a igualdade e a conciliación
familiar así como combatendo a fenda salarial”. Campos Conde
engadiu que “debido á situación da provincia, que conta con máis
de 21.000 lucenses desempregados; e a do país, na que 40 mozos
galegos ao día vense na obriga de marchar pola falta de
oportunidades laborais; creo que é necesario que todas as
administracións nos impliquemos e facilitemos o autoemprego”.
As xornadas presenciais
de sensibilización do Proxecto Emprendedores desenvolveranse tanto
nas instalacións da Fundación CEL como nalgúns dos vinte centros
educativos que se sumaron a esta iniciativa, os martes e xoves de
aquí a fins do mes de novembro. O obxectivo, como dixemos, é
“achegar aos participantes ao mundo real da creación de empresas e
o autoemprego, dando a coñecer, de forma interactiva e
participativa, como é o proceso de posta en marcha dunha empresa”.
As accións previstas,
polo tanto, constarán de dinámicas de creatividade e análise de
prensa para axudar aos alumnos na procura de ideas de mercado;
análise e elaboración do lenzo CANVAS para deseño do modelo de
negocio na fase de maduración da idea; información sobre entidades
que poden axudar a emprender en cada fase; información sobre
servizos concretos dun centro de iniciativas empresariais e viveiro
de empresas; encontros cos técnicos especializados en asesoramento a
emprendedores da Fundación CEL e con emprendedores que hoxe están a
desenvolver as súas ideas neste centro e acceso a experiencias
emprendedoras reais.
A parte de formación
específica do proxecto abrangue un total de tres cursos vía
teleformación sobre Actitude Emprendedora e Oportunidade de
Negocio e catro de Xestión da Prevención de Riscos Laborais.
Ofértanse un total de 140 prazas ás que poderá acceder calquera
persoa interesada en crear a súa propia empresa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario