Rosario Álvarez, unha das coordinadoras desta edición, sintetiza en
dúas as principais conclusións destes Encontros: "A necesidade dunha
maior colaboración entre entidades de diferente tipo (administracións,
asociacións…) e que traballan en niveis locais ou autonómicos ou doutro
tipo, así como un traballo coordinado por persoas coa formación
específica". Durante dous días, investigadores, expertos, técnicos e
responsables puxeron de manifesto que para romper as tendencias ou
inercias que leva aparellada a perda de falantes cómpre conectar accións
desenvolvidas en todo tipo de ámbitos: no ensino, na familia e no
lecer.
Medición e análise dos usos da lingua
A primeira sesión estaba pensada para dar a coñecer as cifras sobre o
uso e coñecemento do idioma, a base para deseñar estratexias de
normalización. As principais cifras púxoas Xaquín Loredo, do Seminario
de Sociolingüística da Real Academia Galega, que traballou sobre os
datos do IGE do ano 2013, que se divulgaron en 2014. "Case o 90% da
mocidade galega coñece ben o idioma pero comeza a coller forza un perfil
novo caracterizado por ter capacidade para escribir en galego pero non
para falalo", apuntou Loredo. Ademais, indicou que o castelán continúa a
ser a lingua habitual para as e os máis novos e que son cada vez máis
os mozos e mozas que, procedendo dun ambiente galegofalante, falan
castelán.
Canda el, o responsable do Observatorio da Cultura
Galega, Häkan Casares, avanzou as características dunha enquisa sobre o
comportamento lingüístico da mocidade galega que o CCG, xunto a outras
entidades, está a preparar. "Trátase dun estudo que pretende achegar
certa orixinalidade ás investigacións que xa existen sobre o ámbito, ao
empregar unha metodoloxía de tipo psicolingüístico, isto é, coñecer as
motivacións e os comportamentos lingüísticos". Unha metodoloxía
innovadora para o estudo do galego e que si se ten empregado noutras
comunidades lingüísticas con características semellantes á galega, como é
o caso de Cataluña.
Transmisión interxeracional
A cita prestou atención especial ao contexto familiar, á transmisión de
pais a fillos, que desempeña un papel clave no uso dun idioma. O
bengalí Anik Nandi, doutorando da Heriot-Watt University de Edimburgo,
participou cun relatorio titulado "Resistencia desde abaixo. O papel das
micropolíticas lingüísticas nas familias galegas". Fixo un avance dos
resultados da tese de doutoramento e puxo en cuestión que falar nunha
lingua sexa exclusivamente unha decisión de liberdade individual, xa que
nela importan outros factores.
Paz Castro e Inacio Vilariño
describiron os casos de Kalandraka e de Fantoches Baj na construción de
materiais culturais pensados para os pequenos desde un ámbito privado,
mentres que Beatriz Corral e Brais Fernández realizárono desde un punto
de vista público. Pechou os Encontros unha mesa pensada para ver o papel
que as relacións públicas e as campañas publicitarias podían facer polo
galego.
Planificación lingüística de proximidade
Outro dos piares dos Encontros centrouse en coñecer experiencias e
decisións relacionadas coa normalización e a planificación no ámbito
local. Na sesión do primeiro día, Socorro García Conde explicou dúas
propostas que desenvolve o Concello de Santiago, como son o proxecto
Apego e o Club de Debate. Canda ela, Marta Souto explicou varias
iniciativas que mantén o Concello de Vigo. O enfoque do papel das
administracións locais ocupou o segundo día con representantes das
Deputacións da Coruña e de Pontevedra. Xaime Subiela, no marco dun
relatorio titulado "A promoción do galego desde o ámbito
supramunicipal", evidenciou o déficit de articulación das actuacións de
ámbito local e a súa dependencia de cartos públicos.
O galego e as redes sociais
Como novidade, os Encontros estreaban tamén unha nova forma de
traballar, trasladando o debate ás redes sociais. Para iso, creáronse
catro grupos de traballo en Facebook que durante máis dun mes lles
permitiron aos inscritos nos Encontros, e tamén ao público xeral, opinar
e achegar materiais sobre diferentes aspectos vencellados con estes
asuntos. Un debate que tamén se trasladou ao programa na penúltima
sesión.
Ademais, o Consello da Cultura Galega está a ultimar "De
xeración en xeración", un micrositio web no que dar a coñecer recursos e
materiais recollidos polo Centro de Documentación Sociolingüística de
Galicia na súa actividade de traballo relacionados co tema destes
encontros: a transmisión interxeracional.
Información tirada do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario