Temos datos sobre a
actividade recente da plataforma en liña GaliciaLe,
servizo en liña para o acceso gratuíto a publicacións da Rede de
Bibliotecas Públicas de Galicia. Segundo se fai saber no parte
informativo, GaliciaLe
rexistrou preto de 12.000 préstamos bibliotecarios de libro
dixital desde a súa posta en marcha, en outubro de 2014, até
setembro de 2015.
En concreto, os
préstamos de ebooks realizados o a longo do devandito tempo
ascenderon a 11.843, executados polos 5.678 usuarios e usuarias
activos nesta plataforma. Segundo apuntan os responsábeis do
servizos, “os devanditos datos tradúcense nun balance positivo dos
primeiros meses de funcionamento deste servizo en liña, tanto no
interese dos usuarios como no volume e calidade da colección dixital
de préstamo”. Por certo que esta está integrada por un total de
1.427 títulos en múltiples formatos (audiolibros, libros
electrónicos, álbums ilustrados e libros interactivos), de temática
diversa e dirixida a distintas franxas de idade, con especial
atención ao público infantil.
As obras máis
prestadas foron, na colección de libro electrónico en galego, A
viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz; Os fillos do
mar, de Pedro Feijoo; o álbum Maruxa, de Eva Mejuto e
Mafalda Milhões, A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, e
Ámote Leo A.: destino Xalundes, de Rosa Aneiros. Do catálogo
en castelán, os libros electrónicos máis solicitados na plataforma
galega foron La ridícula idea de no volver a verte, de Rosa
Montero; El principito (audiolibro), de Antoine De
Saint-Exupéry, El guardián invisible, de Dolores Redondo; a
triloxía Cincuenta sombras, de E.L. James; e El mundo en
tus manos, de Elsa Punset.
A plataforma
GaliciaLe é unha
plataforma de préstamo de libro electrónico da Rede de Bibliotecas
Públicas Galegas, a través da cal se pon ao dispor da cidadanía
“un nutrido catálogo de libros e audiolibros en galego e en
castelán”, co engadido extra de ser cen por cen de balde. Os
usuarios e usuarias que así o desexen poden acceder ás publicacións
durante as 24 horas do día os 365 días do ano a través da páxina
web galiciale.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario