Está
a nosa lingua en perigo de morte? A resposta está nas novas
xeracións, na xente nova. Por moito que os maiores falemos galego,
se a nosa mocidade non emprega (na Internet e nas redes sociais
tamén) o idioma que lle corresponde, o galego como tal terá
tristemente os días contados. Sobre este tema xirará a XVII edición
dos Encontros
para a normalización lingüística,
unha xuntanza organizada polo Consello da Cultura Galega que se
inaugura mañá (15 de outubro) co aforo completo mais coa
posibilidade de seguila en directo a través da páxina web da
institución. Avaliaranse, entre outros temas, o estado de saúde da
lingua nas redes sociais.
“Nesta
edición permanece o carácter de ser lugar de encontro e intercambio
de experiencias, agora centrado nas motivacións e estímulos
do uso da lingua polos máis novos” indica
Rosario Álvarez, coordinadora desta edición e vicepresidenta do
Consello da Cultura Galega. A cita xuntará durante dous días a
sociolingüistas, técnicos pola normalización e creadores para
falar dos dilemas que presenta a situación sociolingüística
actual.
Emporiso,
unha parte do programa está encamiñada a expor traballos de pescuda
e análises de datos sobre o uso do galego por parte das
xeracións máis novas. Tratando
temas como: a súa contorna, a influencia das novas políticas
educativas ou a autopercepción actual dos falantes. Para iso estarán
Xaquín Loredo Gutiérrez (Seminario de Sociolingüística da Real
Academia Galega) que falará do estudo e análise da situación do
galego, e Hakan Casares (responsábel do Observatorio da Cultura
Galega) quen achegará cifras sobre o comportamento lingüístico da
mocidade galega.
Moi
importante para a boa saúde dun idioma é o contexto familiar, á
transmisión de pais a fillos, que xoga un papel chave no uso dun
idioma. Para iso, expoñeranse sobre a mesa todas a iniciativas
relacionadas con este tema chegadas de distintos eidos: no académico,
o bengalí Anik Nandi (doutorado da Heriot-Watt University de
Edimburgo) quen ofrecerá un relatorio titulado Resistencia
dende abaixo. O papel das micropolíticas lingüísticas nas familias
galegas; no cultural,
Paz Castro e Inacio Vilariño exporán os casos de Kalandraka e de
Fantoches Baj; e no publicitario, publicistas e investigadores
revisarán as campañas de comunicación desenvolvidas a prol do
galego.
Outro aspecto
a tratar nestes Encontros é o que se pode facer dende un ámbito
local. Nesta liña, técnicos e responsábeis da normalización
lingüística de concellos como os de Vigo ou Compostela explicarán
as súas experiencias, canda especialistas doutros contextos como o
universitario ou as deputacións provinciais. Completa esta visión o
politólogo Xaime Subiela, quen achegará un relatorio titulado A
promoción do galego desde o ámbito supramunicipal.
E seguindo co
espírito de crear un espazo de comunicación arredor do panorama
actual da nosa lingua, nesta edición dos Encontros estenderase este
carácter participativo a todas as persoas e colectivos implicados na
normalización do idioma creando varios grupos virtuais de traballo
en Facebook cuxa actividade, aproveitamento e conclusións se
integrará na primeira sesión do programa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario