O día 16 de outubro CEAPA comunicou ao Ministerio de Educación a súa
decisión de non asistir a unha cita co Ministro, xa que os
representantes das familias non están para dar fotos preelectorais a
ningún Goberno, porque iso é o único que buscan neste momento os
responsables ministeriais. CEAPA só acode a reunións nas que se fale de
temas importantes para a educación e para as familias da escola pública,
cun contido adecuado e onde sexa escoitada a súa voz. Aínda non se
decataron de que son as persoas que asumen cargos políticos os que están
ao servizo da cidadanía para atender as súas necesidades e non esta a
que deba satisfacer as urxencias dos políticos de quenda. Moito menos se
estas urxencias son para gañar imaxe pública tentando vender un diálogo
que non existe ao achegarse unhas eleccións nas que queren volver
enganar á cidadanía tentando convencerlles de que cambiaron e agora si
escoitan. Algo que non pode ser máis falso e afastado da realidade.
No últimos catro anos asistimos aos ataques descalificadores dun
Ministro de Educación, o señor Wert, que se permitiu o luxo de reunirse
unha única vez cos representantes das familias, para contarnos as
“excelencias” da contrarreforma educativa que quería impoñer e que
impuxo, contestándonos que podiamos opinar sobre a mesma pero que para
el era irrelevante o que dixésemos, como logo quedou demostrado. É máis,
CEAPA enviou ao entón Ministro un documento con 40 propostas para
mellorar o noso sistema educativo e o Ministerio negou mesmo recibilo. E
non lembraremos a ristra de cualificativos despectivos que nos dedicou
nos seus anos de Ministro. Xa é pasado e mellor que sexa así.
Despois de tres nefastos anos, o Presidente do Goberno cambiou de
caras pero non de formas nin de fondo, nomeando un novo Ministro, o
señor Méndez de Vigo, que pensa exactamente o mesmo e demostrouno.
Asistiu ao Pleno do Consello Escolar do Estado, soltou o seu discurso
que nos deixou, canto menos, perplexos falando de consenso e diálogo e
marchouse axiña que o terminou para evitar escoitar á Comunidade
Educativa alí representada. Despois, acudiu ás xornadas que convocou o
Ministerio sobre convivencia escolar, e repetiu a xogada, realizando
ademais na súa intervención unha afirmación rotundamente falsa ao dicir
que se reuniu coas familias, sendo que estas non tiveron reunión algunha
co mesmo ata a data.
E agora, para rematalo, convoca aos representantes dos pais e nais,
entre os que se atopa CEAPA como a organización estatal máis
representativa, para facerse unha foto co obxectivo que mencionamos.
Durante días cruzamos correos e chamadas coas persoas que tiñan que
pechar a reunión. A formulación era sinxelo de entender: o Ministerio
quere que veña a Presidencia de cada organización; ímoslles a contar
algo que temos previsto; e facémonos a foto. A resposta de CEAPA tamén
foi clara: non enviamos a unha única persoa a unha reunión co Ministro
de Educación, xa que non somos unha organización presidencialista e
ademais sempre tentamos visibilizar que somos unha organización de pais e
nais ao acudir, polo menos, unha persoa de cada sexo; e somos
voluntarios que non deixamos as nosas obrigacións familiares e laborais
para reunirnos sen unha orde do día previo para saber de que imos falar e
poder preparar as reunións. O noso tempo é moi valioso e non permitimos
que ninguén o malgaste.
A negativa reiterada a que puidese acudir máis dunha persoa,
abandonouse só cando CEAPA confirmou que nesas condicións non asistiría,
ao recibir como resposta un correo no que podía lerse (sic) “cambiamos o
formato da reunión na que ademais do Ministro e o Secretario de Estado
de Educación, Formación Profesional e Universidades, asistirán o
Director Xeral de Formación Profesional, e o de Avaliación e Cooperación
Territorial polo que poderá asistir acompañado á mesma”. Con todo, a
orde do día segue sen aparecer. O único que se sabe é que a reunión será
breve, cunha intervención do Ministro á que seguirá unha rolda de
prensa e, como non, a foto da mesma ante os medios de comunicación.
CEAPA xa trasladou ao actual Secretario de Estado de Educación,
Formación Profesional e Universidades, o señor Marín, nunha reunión
mantida o día 14 de xullo, as inquietudes que preocupan ás familias da
escola pública, das cales, supostamente, tomou nota para preparar unha
reunión co Ministro. Desde entón, nada. Nin se produciu a reunión, nin
se trasladou a CEAPA reflexión algunha do MECD sobre todo o achegado ese
día. Agora, cando xa algúns entraron en precampaña, pídennos acudir
para facer unha foto. Para conseguila, recomendamos ao Ministerio usar
fotos nosas e un programa como o Photoshop, xa que será a única maneira
de obter unha imaxe dos representantes de CEAPA na que estes poidan
aparecer mudos e facendo de palmeiros dun Ministro, sexa do signo
político que sexa este.
CEAPA quere deixar claro que sempre estivo, está e estará disposta a
traballar en beneficio da educación e por tanto de toda a sociedade.
Realizou achegas a todas as normativas en materia de educación e ségueo
facendo no Consello Escolar do Estado, así como faio tamén en todos os
órganos e foros de debate e intercambio onde é convidada a participar.
CEAPA é unha organización que fai política educativa e social, e non
está suxeita a partido político algún, esixindo a cada goberno que
cumpra os mandatos constitucionais en materia educativa. E para manter
unha reunión cos representantes de CEAPA a cuestión é moi sinxela:
enviarnos unha convocatoria oficial e clara cos temas para tratar, nun
recoñecemento real e sincero da representatividade de CEAPA e do papel
que xoga na sociedade española; e respecto, o máximo respecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario