Lembrar que RuralSchoolCloud é un programa coordinado polo CESGA que conta coa participación da USC que serviu de ampliación á iniciativa comezada en 2010 polo dito centro co seu premiado proxecto de investigación Rural Schools & Cloud Computing. Este proxecto, como recordaremos, ten a súa aplicación práctica nas integrantes da Rede de Escolas na Nube: dúas ducias de centros rurais agrupados en 4 CRAs da nosa terra. Os autores do libro son membros do consorcio europeo de RuralSchoolCloud: María J. Rodríguez Malmierca, Diego Nieto Caride, Abraham Martínez Gracia, Carmen Fernández-Morante, Beatriz Cebreiro López, Santiago García Vázquez, Konstantina Zachari, Konstantinos Zacharis, Jette Aabo Frydendahl, Raffaele BraheOrlandi, Bill Houldsworth e Geoff Tew.
Os socios do proxecto foron a Universidade de Santiago e o seu Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa, a Autoridade Local de Devon (Reino Unido), o centro ΑΚΕΘ (Centro de Desenvolvemento de Tesalia, Grecia), o CELM (Centro de Investigación eLearning e Medios de Comunicación do Via University College de Dinamarca), a autoridade rexional da Provincia de Parma (Italia) e o Instituto para a Integración de Macedonia, FYROM.
O manual, realizado con financiamento do Programa de Aprendizaxe Permanente da Unión Europea, introduce ao lector nos conceptos básicos da Computación na Nube integrada no ensino (como se pode aplicar ao ámbito docente? por que é necesaria na escola? por que no rural?) para logo meterse de cheo en amosar os froitos recollidos trala aplicación práctica destes recursos cloud (ao abeiro de RuralSchoolCloud) en diferentes escolas dos devanditos países participantes: Dinamarca (con escolas nas illas), Italia (provincia de Parma), Grecia (escolas da Tesalia), Gran Bretaña (escolas rurais do condado de Devon), e os 4 CRAs galegos xa participantes na Rede de Escolas na Nube. Seguindo o fío dos contidos, o manual do proxecto tamén expón en detalle as repercusións que tivo no profesorado e o alumnado das escolas a aplicación das liñas de traballo da iniciativa, amais de conclusións de interese sobre a súa sustentabilidade, sobre como poñelas en práctica noutros centros (dende os puntos de vista técnico e educativo) e sobre os recursos dispoñíbeis para dar continuidade a estas experiencias. O manual en papel vén acompañado dun contido dixital adicional, dispoñible na propia web do proxecto, que inclúe a solución software completa empregada, documentación adicional e material de difusión do proxecto.
O libro, máis en detalle
O libro, polo tanto, funciona a xeito de resumo de RuralSchoolCloud, proxecto educativo innovador levado a cabo en 12 escolas rurais europeas de educación infantil até educación secundaria superior, escolas nas que se tirou proveito de variados recursos tecnolóxicos, como a computación na nube, o software de código aberto e os dispositivos móbiles como soporte ao ensino baseado en proxectos de colaboración e centrado no alumno. O manual tamén describe os elementos educativos e tecnolóxicos que se empregaron, así como as leccións aprendidas, o impacto nos participantes e as posibilidades de desenvolvemento posterior. Segundo apuntan as autoras e autores, “pretende ser unha guía práctica que axude á posta en práctica e desenvolvemento desta formulación noutras redes de escolas rurais ou dispersas”. O manual, que se distribúe baixo licenza aberta, inclúe unha versión impresa, unha versión dixital, un documento e paquete de recursos en libre descarga a través da páxina web do proxecto, www.rscproject.eu.Máis sobre RuralSchoolCloud
O proxecto RuralSchoolCloud diríxese a explorar metodoloxías baseadas nas TIC para reducir as fendas dixitais entre o urbano e o rural a través dunha proposta para mellorar o xeito de colaboración e aprendizaxe nas escolas non urbanas. Segundo fan saber os autores acerca dos motivos que alentaron a súa posta en marcha, máis de 14.4 millóns de nenos en idade escolar viven en zonas rurais de Europa, en comunidades que precisan, para un desenvolvemento non discriminatorio, do mantemento de servizos básicos como a educación. A pregunta que nos podemos facer é: como manter servizos educativos completos e de calidade en centros dispersos que contan con menos nenos cós das cidades e, sobre o papel, con menos posibilidades de beneficiarse da actividade tecnolóxica das cidades? Neste senso e a xeito de resposta (unha resposta orzamentaria tamén), o proxecto RuralSchoolCloud concibiu unha solución “de baixo custo pero de gran calidade” baseada nas TIC para mellorar a rede escolar, o ensino e a aprendizaxe, e para reforzar a dimensión europea da educación escolar. O obxectivo do proxecto, que rematará este mes de novembro (o pasado 10 de outubro amosáronse en Santiago as principais conclusións do mesmo), consistía en ofrecer formación e ferramentas de colaboración baseadas na nube a mestras e mestres para que deseñaran para os seus estudantes unha proposta formativa “rica e diversa”, na que puideran colaborar de forma creativa, elaborar materiais conxuntamente, e adquirir competencias dixitais.Polo tanto, a formación do profesorado centrouse en proporcionar o apoio técnico e pedagóxico que permitira mellorar o seu desenvolvemento no entorno da nube e facilitar, no futuro, o acceso a formación e mellora profesional que permitan procurar a súa permanencia nas escolas rurais e illadas. Ademais, a iniciativa centrouse na creación dunha comunidade de aprendizaxe activa baseada nas TIC para os profesores de escolas rurais e así axudarlles a desenvolver habilidades docentes e implantar metodoloxías apropiadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario