Un cento de rapaces e
rapazas do IES Brión, de 13 e 14 anos de idade, participaron esta
mañá nos obradoiros Día do código no teu cole. Educar para
innovar, incluídos na terceira edición da Semana Europea da
Programación. Trátase dunha iniciativa organizada pola Deputación
da Coruña, en colaboración coa Universidade da Coruña e o Concello
de Brión. Iolanda Bouzas, alcaldesa en funcións e concelleira de
Ensino de Brión, e Cristina Couto, responsábel de Información e
Xestión de Europe Direct A Coruña, déronlle a benvida aos seis
grupos de escolares do concello que participaron na actividade.
Bouzas fíxolles saber que o obxectivo deste programa “é
achegarvos ao mundo da programación e que vexades que é moito máis
sinxelo e divertido do que pode parecer”.
Durante case unha hora as
rapazas e rapaces tiveron oportunidade de dar forma a un videoxogo no
que unha quenlla procuraba peixes no leito mariño. O xogo foi
construído coa ferramenta de programación Scratch, moi acaida (pola
súa sinxeleza e polos elementos intuitivos que pon en xogo) para
introducir ás novas xeracións nos conceptos básicos da construción
de programas. Segundo informan os organizadores da actividade, os
participantes puideron comprobar como tirando partido da tecnoloxía
“é posíbel converter calquera elemento no mando dun videoxogo”.
A experiencia, engaden, “foi moi positiva e participativa”.
As docentes de Europe
Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea
dependente da Deputación herculina, explicaron aos rapaces que este
tipo de seminarios forman parte da ensinanza regulada en Estados
Unidos dende 1996. O IES Brión foi un dos tres centros escolares
seleccionados na provincia para participar na Semana Europea da
Programación, canda o IES A Cachada (Boiro) e o IES Isidro Parga
Pondal (Carballo).
Ningún comentario:
Publicar un comentario