Tras
unha longa tramitación, finalmente o Parlamento Europeo aprobou as súas novas
medidas para un mercado único de telecomunicacións para a Unión Europea,
que principalmente supón a eliminación cos custos suplementarios por empregar o
móbil no estranxeiro (dentro da Unión) baixo certas condicións a partires de
xuño de 2017 e regras claras sobre o dereito de acceso á Internet, mediadas que
pasarán a converterse en Lei tras o visto bo definitivo do Parlamento do novo
paquete de telecomunicacións.
Ambas medidas a adoptar están a resultar moi polémicas, pois parecen ter en
demasiada consideración os intereses das compañías de telecomunicacións e non
protexer aos consumidores todo o ben que se debería. Por unha banda teremos que
a eliminación do sobrecusto por roaming
non entrará en vigor até o 15 de xuño de 2017, o que supón un importante
retraso sobre o previsto inicialmente, existindo tamén unhas tarifas por
itinerancia a un prezo reducido que entrarán en vigor o 30 de abril de 2016, e
que serán dun máximo de 0,05 euros/minutos para chamadas, 0,02 euros para
mensaxes de texto e 0,05 euros por Mbyte para Internet móbil.
Pero hai un detalle que non senta nada ben nesta nova normativa, pois resulta
que realmente non se erradican os recargos por itinerancia, senón que iso só
acontece para usos ocasionais, ou sexa, para usuarios viaxeiros, por considerar
o Parlamento Europeo que a “itinerancia permanente” suporía un abuso, algo co
que non coinciden as asociacións de consumidores, que consideran que se estamos
nun mercado único deberiamos poder gozar das tarifas que máis nos conveñan, e non debería haber atrancos
a facer uso dunha tarxeta SIM mercada no estranxeiro (dentro da UE).
No que se refire ao acceso á Internet, a nova normativa presume de obrigar ás
compañías a ofrecer acceso á Internet tratando a todo o tráfico de xeito
equitativo, ou sexa, que non poderían ralentizar deliberadamente a
transferencia de certos contidos, aplicacións, servizos ou receptores, pero
recoñécense excepcións como o cumprimento de ordes xudiciais, evitar a
conxestión na rede e combater ataques cibernéticos. Pero esta defensa da neutralidade de rede resulta ser
aparente, xa que adicionalmente se acepta a oferta de condicións especiais,
como unha calidade de Internet mellorada para algúns servizos, sempre que non repercuta
na calidade xeral, ou sexa, que faise xusto o que os defensores da neutralidade
da rede queren evitar: a discriminación de certo tipo de tráfico ou servizo.
Isto permitiría que as compañías puidesen ter accesos preferentes a servizos de
alta demanda como Netflix ou servidores de videoxogos, o que incluso podería
chegar a repercutir no peto do consumidor, de aí que non se reciba ben que se
deixe tal porta aberta.
En vista das matizacións lexislativas, ao final, nin remata o roaming nin se apoia a neutralidade de
rede, polo que simplemente mellóranse as condicións actuais, pero quédase moi
lonxe das demandas dos promotores destas iniciativas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario