xoves, 15 de outubro de 2015

Un centro infantil da Coruña impídelles ás profesoras empregar o galego

A MESA E A CIG DENUNCIAN A VULNERACIÓN LINGÜÍSTICA
 

Jungle World, centro infantil situado no centro da Coruña, vén de remitirlles ás traballadoras unha carta na que expresamente se lles impide o uso do galego nas actividades que desenvolven. 

Belén Tajes é profesora de música en Jungle World, un centro infantil localizado no centro da Coruña destinado a crianzas de entre 2 a 8 anos. A finais de setembro foi convocada a unha reunión, co resto do persoal, na que se advertiu que os idiomas vehiculares do centro son, unicamente, o español e o inglés. Posteriormente, o 6 de outubro, recibiu, como as demais traballadoras, unha carta na que se indica expresamente que non se permite o emprego do galego no centro, que é cofinanciado pola Xunta de Galiza, a través do IGAPE.
Belén Tajes: "Nin sequera nos permiten cantar cancións nin ler poemas en galego"
“Decatáronse de que unha compañeira e mais eu impartiamos as actividades en galego”, explícanos Belén Tajes, a quen nunha conversa privada lle dixeron que se seguía falando galego “me ativese ás consecuencias”. “Nin sequera nos permiten cantar cancións nin ler poemas en galego”, denuncia en conversa con Sermos Galiza. “O día que recibín a carta sentinme indignada e decidín acudir á Mesa pola Normalización Lingüística para denunciar publicamente o meu caso. Penso que é un deber facelo, porque hai moitos profesores e profesoras e traballadores e traballadoras en xeral que sofren racismo lingüístico nos seus postos de traballo”, sinala Belén Tajes, que se enfronta unha ameaza de sanción grave.
Esta profesora de música, cunha ampla formación e experiencia ás súas costas, volverá mañá ao seu posto de traballo e confésanos que espera que a Dirección do centro -da que nos di que exerce continuamente represión sindical sobre as traballadoras, chegando a despedir unha delas- rectifique ante a denuncia pública que se deu a coñecer hoxe. Belén Tajes expresa o seu agradecemento público tanto á Mesa como á CIG por apoiala nesta denuncia e anima a quen sofre de persecución lingüística a facer público o seu caso.
A Mesa e a CIG denuncian a empresa, que recibe subvencións, ante a Xunta
A Mesa e a CIG-Ensino, que esta mañá ofreceron unha rolda de prensa coa afectada, denunciarán o caso presentado diante da Xunta de Galiza que, a través do Igape, cofinancia este centro. Marcos Maceira, presidente da Mesa, advirte de que no caso de que non se rectifique solicitarán a retirada das axudas da Consellaría de Industria a Jungle World.
Anxo Louzao: "Chegan ao extremo de obrigar a retirar cartaces en galego, como un que puña Outono"
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, salienta que o sindicato xa presentou unha denuncia perante á Inspección de Traballo pola vulneración dos dereitos fundamentais e lingüísticos traballadoras. Considera un despropósito a prohibición expresa de utilizar o galego, “chegando ao extremo de obrigar a retirar cartaces en galego, como un que puña Outono”.
Amais de toda a lexislación que ampara o uso da lingua propia de Galiza, Anxo Louzao considera que a Consellaría de Servizos Sociais debe sancionar a empresa, que “debería tratar de maneira semellante o galego e o español. Xa non se está falando de que o galego sexa lingua vehicular, fálase de que Jungle World non permite o uso da nosa lingua”. O secretario nacional da CIG-Ensino alerta de que o denunciado por Belén Tajes “non é un caso illado” e acusa o PP de “provocar comportamentos como o deste centro coas súas políticas de persecución ao idioma”. Insiste en que “non se lle pode impedir a ningunha crianza o coñecemento ao idioma” e ironiza con que “o próximo será vacinar os nenos e as nenas contra un virus que se chama galego”.
Jungle World, unha empresa de “La Coruña”, que só permite falar galego na intimidade
Na súa páxina web, na que Jungle World emprega o topónimo ilegal “La Coruña”, defínese a empresa como un centro dedicado “á prestación de servizos de garda e custodia, educación e ensino, lecer e entretemento, orientados ao público infantil”. No propio portal, pode comprobarse nun apartado salientado como a Consellaría de Industria, a través do IGAPE, cofinancia o proxecto.
A empresa di que o uso do español e do inglés é "unha directriz" e sinala que de non axustarse a isto cometerase unha falta grave
Da carta remitida ás traballadoras despréndese a filosofía antigalega da empresa, “a utilización dos idiomas indicados -español e inglés- para cada unha das actividades referidas non é algo discrecional, orientativo, arbitrario ou optativo. É unha directriz marcada pola propia dirección referida á programación e, polo tanto, debe cumprirse como tal”. “Non axustarse ás programacións do centro tería a consideración de falta grave”, engade o texto, que tamén obriga expresamente á “retirada de carteis e demais material didáctico colocado na aula que figuren nun idioma diferente aos sinalados para a actividade”.
Jungle World remata a misiva “permitíndolles” ás traballadoras elixir ou empregar “como lingua vehicular tanto para a vosa comunicación eficaz fóra do ámbito da prestación do servizo como en calquera outro ámbito que exceda do que atinxe ao centro”. Tamén permite a empresa utilizar o galego “en datas sinaladas” de maneira esporádica para “algunha canción, poema ou conto en galego”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario