mércores, 14 de outubro de 2015

Convocan máis de 500 prazas para as probas de obtención do CODIX

A AMTEGA convoca máis de 500 prazas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 Ofimática baixo o paquete de LibreOffice. As persoas que desexen participar nestas probas presenciais deberán inscribirse na páxina web de CeMIT. O prazo para a inscrición será de sete días naturais desde mañá.
O DOG de hoxe publica as datas das probas que se celebrarán os días 25, 26 e 27 de novembro en diversas quendas de mañá e tarde que nesta ocasión vanse a celebrar nas aulas CeMIT dos seguintes 44 concellos: Ames, Betanzos, Boiro, Brión, A Coruña, Fisterra, Narón, Narón, Oroso, Ortigueira, Padrón, Pondeume, As Pontes, Porto do Son, Santa Comba e Santiago Compostela na provincia de A Coruña; Barreiros, Carballedo, A Fonsagrada, Ribadeo e Sarria na provincia de Lugo; O Barco, O Carballiño, Castrelo de Miño, Celanova, Manzaneda, Ourense, Verín e Xunqueira de Ambía na provincia de Ourense, e A Cañiza, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Moaña, Pontevedra, Tomiño, Valga, e Vigo na provincia de Pontevedra

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
- Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
- Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
- Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo.

Máis dun milleiro de prazas no ano 2015

Con esta derradeira convocatoria do ano cúmprense as previsións recollidas no Plan de formación da rede CeMIT para este ano 2015 de realizar dous cursos de teleformación titorizados (publicados en febreiro e setembro) e outras dúas convocatorias de exames presenciais (en abril e outubro), ofertando en conxunto máis de 1300 prazas para a cidadanía en xeral e que terán a súa continuidade no vindeiro ano 2016.
A estes datos hai que engadir as máis de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas CeMIT de forma presencial durante este ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 1.700 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema).

Ningún comentario:

Publicar un comentario