xoves, 22 de outubro de 2015

Volve o bilingüismo en precampaña electoral

Unha iniciativa aprobada polo PP, UPyD, Foro Asturias e UPN insta ao Goberno español a garantir a educación en castelán en comunidades bilingües. Por outra banda, a Valedora insta á Xunta a editar documentos infantís de saúde bilingües.

O bilingüismo volve estar de moda para algunhas formacións, especialmente, agora que quedan dous meses para unhas eleccións. Precisamente, o Pleno do Congreso aprobou este martes, cos votos de PP, UPyD, Foro Asturias e UPN, unha moción na que se insta ao Goberno a garantir o dereito dos cidadáns a usar o castelán "sen restricións" nas nacionalidades onde hai outra lingua, incluíndo tamén a posibilidade de recibir educación na devandita lingua.
 
"Ínstase o Goberno a promover todas as medidas que sexan precisas para garantir que todos os cidadáns españois, sexa cal for o seu lugar de residencia, teñan garantido o seu dereito efectivo a elixir e utilizar sen ningún tipo de restrición a lingua cooficial que prefiran nos territorios onde as houber, tanto para comunicarse con todas as administracións públicas (sexa a Administración Xeral do Estado, a das Comunidades Autónomas  ou as administracións locais) como para garantir o dereito a recibir ensinos en castelán e nas demais linguas cooficiais", recolle a iniciativa.
 
Foi UPyD, unha formación que probablemente desapareza logo do 20 de decembro, a que levou ao Congreso este debate. Na iniciativa, Rosa Díez, insistiu no artigo 3 da Constitución que proclama, dixo, que "o castelán é a lingua española oficial do Estado" e que "todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala"."Dá náuseas. Náuseas políticas, pero náuseas", espetoulle Joan Coscubiela, de ICV.
 
Sen embargo, a instancia dos socialistas, UPyD aceptou incorporar na iniciativa que se reafirme igualmente a oficialidade das demais linguas españolas nas respectivas nacionalidades históricas de acordo cos seus Estatutos, "en virtude do que tamén proclama o artigo 3 da Constitución Española no seu apartado 2".
 
A proposta contou co rexeitamento dos partidos soberanistas e nacionalistas Convergència (CDC), Uniu (UDC), PNV, Esquerra (ERC), Amaiur, BNG, Compromís e da Esquerda Plural (EU-ICV-CHA). Estes partidos reclamaron o uso do catalán, galego e vasco fóra das súas respectivas comunidades e cualificaron de electoralista a proposta ao considerar que non existe o problema que denuncia UPyD. 
 
Documentos infantís de saúde bilingües
 
Por outra banda, a Valedora do Pobo trasladou á Xunta unha recomendación para que edite as cartiñas de saúde infantís en galego e español.
 
Foi a instancias de Galicia Bilingüe que denunciou á Consellería de Sanidade por "discriminación", algo que a Xunta negou ao aducir que se poden descargar copias da cartiña en español dunha web ou dirixirse á Xunta, e que a demanda destas é baixa.
 
Na súa resposta á Xunta, a Valedora sostén que a entrega da cartiña de saúde infantil só nunha das linguas cooficiais non garante a "imprescindible comprensión" do seu contido, máxime cando "moitos" dos termos que incorpora teñen "un significado técnico moi preciso".
 
Engade que nos eventuais desprazamentos dos nenos titulares das cartiñas a outras comunidades dificúltase "de forma inxustificada un adecuado coñecemento" da información que conteñen por parte dos responsables sanitarios ao estar escritas só en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario