A
Deputación da Coruña vén de amosar en Bruxelas o seu programa para
dinamizar laboralmente o rural pola vía das TIC. O encargado de
expoñer este vieiro de traballo foi o deputado responsábel da área
de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña e
alcalde de Brión, José Luís García. A cita foi este mércores 14,
na sede da Fundación Galicia Europa na capital belga. En detalle,
García debullou perante os responsábeis europeos as liñas de
actuación do
proxecto Parnet-TIC 2, que, como dixemos, desenvolve o ente
provincial co obxecto de potenciar a creación de emprego no rural a
través das novas tecnoloxías.
O
relatorio do alcalde de Brión inseriuse na celebración da Semana
Europea das Rexións e as Cidades (Open Days 2015), que
até hoxe xunta na capital belga a representantes dunha chea de
gobernos locais e autonómicos de toda Europa co obxectivo de
compartir experiencias de xestión e boas prácticas.
José
Luís García incidiu en que un dos principais obxectivos da
Deputación da Coruña é “contribuír á fixación da poboación a
nivel local, creando as condicións axeitadas para que a poboación
das zonas rurais atope na súa contorna máis próxima os recursos
precisos para o desenvolvemento da súa vida e das súas actividades
profesionais e fique nestas zonas sen necesidade de desprazarse aos
grandes centros urbanos”. Segundo fixo saber, o proxecto Parnet-TIC
2 pretende aproveitar “o marcado carácter rural dos nosos
concellos e o seu gran potencial ambiental para a promoción de
empregos verdes a través das novas tecnoloxías”, explicou o
deputado coruñés, que subliñou que o sector conta actualmente cun
gran potencial, “xa que España é o principal produtor de produtos
ecolóxicos e orgánicos de Europa”. José Luís García tamén
lembrou que a economía verde ten experimentado “un importante
crecemento na última década” e distintos organismos
internacionais “ven neste modelo produtivo unha boa opción para
reducir a taxa de paro e contribuír á fixación de poboación no
ámbito rural”.
Neste
mesmo foro expuxéronse outras experiencias e modelos de integración
e impulso ao ámbito rural desenvolvidas nas rexións de Sterea
Ellada (Grecia), Veneto, Basilicata e Lazio (Italia), Braga
(Portugal), Istria (Croacia), Opolskie e Pomorskie (Polonia), Escocia
(Reino Unido) e Zeeland (Holanda).
Para quen
queira afondar no seu coñecemento sobre Partnet-TIC 2, recordar
que xa foi habilitado un vídeo no YouTube onde se bota luz acerca
das súas liñas de actuación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario